Os veciños denuncian a falta de roza nun treito de dous quilómetros entre Carral e Ordes
Consideran que nesa zona da N-550 é onde máis falta fai a limpeza de maleza, porque xa se produciron varios accidentes
Levan arredor de dous meses limpando a maleza en ambas as dúas marxes da nacional 550, pero os veciños de Herves, en Carral, hai escasos días souberon que os traballos ían ser interrompidos.
"Os propios traballadores foron os que o dixeron..., van quedar dous quilómetros sen limpar e eses son os máis necesarios", comenta un veciño.
Contan que a maleza que foi medrando sen control estreita o paso, dificulta a visibilidade, pero, sobre todo, aumenta o risco de accidentes de tráfico.
"Xa houbo accidentes porque en inverno, por mor das árbores, non dá o sol, xea... e é un perigo".
Por iso piden que se faga o mantemento no treito que queda sen rozar para evitar así novos sinistros e garantir a seguridade viaria na zona.