A veciñanza de Cacheirás, no Grove, denuncia a aparición de parafusos e cravos nas estradas
Aseguran que levan atopando as puntas metálicas de forma periódica durante os últimos cinco anos e que causan picadas nas rodas dos seus vehículos con frecuencia
A identidade do responsable segue a ser un misterio aínda que os veciños teñen as súas sospeitas
Os veciños do lugar de Cacheirás, no Grove, xa perderon a conta das veces que puntas metálicas coma estas picaron os pneumáticos dos seus vehículos.
Trátase dun problema que leva afectando á zona preto de 5 anos, pois, cada certo tempo, cravos e parafusos de todos os tipos e tamaños aparecen no asfalto sen unha razón aparente.
"Collemos cravos, collemos parafusos... De feito, neste coche collemos un arame como se fose dunha percha", afirma unha veciña
Os residentes afirman ter que ir recollendo estes obxectos punzantes: "Nós cando paseamos, pois intentamos recoller os que vemos así a simple vista para evitar picadas, evidentemente"
A última vaga de picadas comezou hai xa varias semanas e, entre os residentes, a principal teoría é que un dos veciños coloca as puntas en lugares estratéxicos periodicamente para provocalas.
A pesar de que xa se informou a Garda Civil en repetidas ocasións, polo momento, a identidade do responsable continúa a ser un misterio. Con todo, algúns dos afectados teñen as súas sospeitas: "Eu desconfío dunha persoa, porque o teño que dicir, e díxenllo á Garda Civil"
Ao ser un lugar pequeno, os seus frecuentadores son os de sempre: "Aquí sempre pasamos os mesmos. Ao pasar... é sota, cabalo e rei, ou sexa, "fulano", "mengano" e "mengano", un ten que ser. Ao final por descarte e por ver exactamente onde os bota, pois deime conta de "oh, é esta persoa", relata unha veciña.
A pesar de todo, a veciñanza de Cacheirás admite non ver unha solución no curto prazo. Fartos da situación, moitos deles mercaron un kit de reparación de picadas para evitar as constantes viaxes ao taller.