"Podemos limpar o seu nome", a familia de Diego Bello celebra que o caso siga adiante
A xuíza confirma que hai probas de que o "asasinaron a sangue frío" e de fabricar probas falsas
A xustiza filipina rexeita arquivar o caso: hai probas contra os policías acusados do crime
Os policías pediran o arquivo da causa, pero a xuíza di que hai caso.
"É o que estabamos esperando. A xuíza o que di é que foi un asasinato a sangue frío, que os tres policías filipinos asasinaron ao meu sobriño e que despois tentaron fabricar probas falsas para que parecera un tiroteo", explica Francisco Lafuente, tío de Diego Bello.
Inventaron un suposto tiroteo e tamén o fixeron pasar por narco.
"Este asasinato se produciu cando o anterior presidente filipino estaba levando a cabo unha campaña "de exterminio" de xente co pretexto da guerra do narcotráfico. Por iso quixeron ligar a Diego co narcotráfico e que a versión resultara máis crible", engade o tío.
Pero falloulles a loxística e quizais tamén se confiaron en quen os protexía.
"Un deles estaba moi relacionado con xente con mando e podería haber envexas dun estranxeiro ao que lle ían ben os negocios. É unha das hipóteses pero tamén hai outra circunstancia que se recolle nos informes e é que xusto enfronte do negocio de hostalaría de Diego tiña a casa un gobernador que estaba molesto polo ruído e xa fora ao local ameazalos. Díxolles que non podían seguir así, que lle podía pegar catro tiros e botalos ao mar", destaca Lafuente.
Recibiran ameazas directas de quen se cría con poder. Pero quizais non contaban con que a Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas metera o dedo no ollo.
"Tivo bastante importancia que dixeran que houbera un tiroteo e que non sufriran ningún dano e que Diego tivera sete ou oito disparos e que un deles, segundo o informe de balística, é dos que se fan a queimarroupa. Outra das probas é a pistola que lle atribúen a Diego, que está rexistrada en Manila, a 6.000 quilómetros de distancia a nome dunha empresa que non tiña nada que ver con Diego", denuncia o tío, como voceiro da familia.
A decisión da xuíza de xulgar os tres policías é un premio a tantos anos de loita.
"Non podemos darlle a vida pero si podemos limpar o seu nome e sinalar a quen o matou. Iso é o que nos dá forza", confesa Francisco Lafuente.
Quedaría limpa ao final do xuízo, que aínda non ten data.