A xustiza filipina rexeita arquivar o caso de Diego Bello: hai probas suficientes contra os policías acusados do crime
A xustiza filipina rexeita arquivar o caso de Diego Bello: hai probas suficientes contra os policías acusados do crime
O Tribunal Rexional de Primeira Instancia de Manila non aceptou a petición das defensas dos axentes para dar por pechado o proceso
"A resolución adquire especial transcendencia porque o tribunal considera que as probas presentadas pola acusación resultan suficientes", di a representación da familia do mozo coruñés
A Xustiza filipina rexeitou a solicitude de desestimación do procedemento presentada polas defensas dos tres axentes de policía acusados do asasinato de Diego Bello, ocorrido o 8 de xaneiro de 2020 na illa de Siargao, nas Filipinas.
A resolución do Tribunal Rexional de Primeira Instancia de Manila, ditada este pasado 13 de outubro, "supón un avance especialmente significativo para a familia de Diego Bello, que leva case sete anos reclamando o esclarecemento da súa morte e a depuración das correspondentes responsabilidades penais", asegura propia familia do mozo coruñés nun comunicado.
Os tres policías acusados solicitaran ao tribunal poñer fin ao procedemento. Consideraban as súas defensas que as probas presentadas pola acusación resultaban insuficientes para fundamentar unha condena. Con todo, tras examinar o conxunto das probas, o tribunal rexeitou as súas pretensións e acordou a continuación do xuízo.
Segundo di a familia no comunicado, "a resolución adquire especial transcendencia porque o tribunal considera que as probas presentadas pola acusación resultan suficientes, nesta fase procesual, para manter as acusacións formuladas contra os tres axentes".
Entre esas probas destacan a reconstrución científica que sinala que Diego Bello "recibiu o disparo final cando se atopaba sentado ou semisentado no chan", e atribúen ese disparo a uns dos policías acusados.
Esa reconstrución desmentiría a versión dos axentes que sostiñan que o mozo coruñés morreu durante unha operación antidroga despois de que supostamente abrira fogo contra eles, obrigándoos a responder en lexítima defensa.
Así, o tribunal asegura que existen probas circunstanciais suficientes para manter a acusación por asasinato, aínda cando non exista unha testemuña presencial que identificase directamente ao autor do disparo mortal, cando ademais non existen motivos para atribuír o disparo mortal a unha persoa distinta dos tres axentes acusados.
Os tres policías tamén están acusados de colocar unha arma de fogo en poder de Diego Bello despois da súa morte, co propósito de aparentar que se producira un enfrontamento armado e atribuírlle delitos relacionados co uso e a tenza ilegal de armas.
A investigación, di a familia, permitiu determinar que a pistola supostamente atopada xunto a Diego non estaba rexistrada ao seu nome, senón a nome dunha entidade xurídica sen vinculación acreditada con el.
Tanto a Fiscalía como os avogados da familia sosteñen que a suposta colocación da arma formaba parte dunha actuación dirixida a xustificar artificialmente a intervención policial e ofrecer unha versión dos feitos incompatible cos resultados da investigación.
A resolución deste martes súmase á decisión adoptada o 27 de maio do ano pasado, cando o tribunal filipino denegou as solicitudes de liberdade baixo fianza presentadas polos tres axentes.
Afirma a familia de Diego Bello que "aínda que a decisión non constitúe aínda unha sentenza condenatoria, representa un paso procesual de grande importancia, ao confirmar que as probas presentadas durante o procedemento permiten manter as acusacións e someter os tres policías á seguinte fase do xuízo".
Aseguran ademais que "continuarán traballando, en coordinación cos seus representantes legais nas Filipinas, para que o procedemento chegue ata as súas últimas consecuencias e poida ditarse unha sentenza que determine as responsabilidades penais correspondentes". Din que "case sete anos despois da morte de Diego, a familia mantén intacto o seu compromiso coa verdade, a xustiza e a defensa da súa memoria".