Taxistas de Vigo denuncian que coches de alugueiro con condutor operan sen licenza
O sector asegura que traballaron esta semana de xeito ilegal malia que o concello desestimou 24 solicitudes
Hai só uns días, coñeciamos que o Concello de Vigo desestimou as 24 solicitudes de licenzas VTC, os vehículos de arrendamento con condutor. O sector do taxi continúa en pé de guerra para acadar que os Uber ou os Cabify non operen dentro da cidade.
Conversamos con Emilio Mosquera, o presidente dos Autopatronos do Taxi de Vigo, que nos aclaraba que os VTC poden prestar os seus servizos entre cidades na comunidade autónoma galega.
Iso é legal pero non dentro dun punto a outro da cidade porque en ningunha das sete cidades grandes galegas existe unha ordenanza que regule este sector.
O Concello de Vigo, co que seguen en conversa constante e fluída, confirmou que a semana pasada denegou 24 solicitudes presentadas polos VTC baixo ameaza de multas de ata 6.000 euros se os detectan facendo un transporte dentro da cidade.
Aínda así o sector do taxi afirma que nesta semana xa comezaron a circular sen licenza e que tres vehículos foron sancionados. Os taxistas cren que este novo modelo de negocio non vén convivir cos 550 taxis de Vigo senón a desprazalos e substituílos.
O presidente dos Autopatronos do Taxi de Vigo, profesionais en réxime de cooperativa, explícanos este domingo cal é a situación en Vigo. Segundo Emilio Mosquera, a pesar de non teren licenza, si circularon pola cidade.
"Nos servizos urbanos quen ten que regular son os concellos. Neste caso o Concello de Vigo xa lles denegou a autorización a varias empresas que pediron autorización e sabemos que hai xa varios expedientes de sanción abertos. Están a traballar de xeito ilegal. Non sei no futuro pero a día de hoxe non teñen autorización. Eu teño que ter dúas autorizacións, eles teñen unha e operan igual ca min. Non pode ser", conta a TVG Emilio Mosquera, presidente dos Autopatronos do Taxi de Vigo.
Incide en que as tarifas do taxi están reguladas, polos municipios e pola Xunta, pero que os vehículos de arrendamento con condutor, a través de aplicacións como UBER ou Cabify, aplican prezos sen ningunha regulación.
"Cobran o que lles peta. Posiblemente agora estean cobrando menos do que é, porque queren acaparar o mercado, queren entrar no mercado. Pero as tarifas do taxi están reguladas polos concellos e pola Xunta. Somos moitas familias a vivir do taxi, en Galicia somos 3.500 taxis. Pero nas grandes vilas veñen a desprazarnos e iso non ten sentido. Non é o correcto", engade Emilio Mosquera, o presidente dos Autopatronos do Taxi de Vigo desde a parada de praza de España, en Vigo.
Esta semana os autónomos do taxi en Vigo, para seren máis competitivos, substituíron o día do descanso obrigatorio pautado por unha xornada sen dar o servizo a libre elección.
Asegúrannos que non veremos enfrontamentos agresivos nin pelexas nas rúas porque confían nas decisións e nos tempos das Administracións.