A Comisión Europea creará unha categoría para pequenos coches eléctricos feitos en Europa
"Queremos que o futuro dos coches –e os coches do futuro– se fabriquen en Europa", afirmou a presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen

A Comisión Europea anunciou este venres á industria automobilística que creará unha nova categoría para coches eléctricos pequenos feitos en Europa, dentro das medidas coas que o Executivo comunitario busca reforzar o sector fronte á crecente competencia.
Unha nova categoría vinculada ás normas de CO2
Segundo fontes do gabinete do vicepresidente da Comisión encargado de Industria, o liberal francés Stéphane Séjourné, as características desta nova categoría, aínda por definir, quedarán reflectidas "posteriormente" nas normas de CO2.
A proposta foi trasladada ás patronais de fabricantes de automóbiles (ACEA) e de pezas de automoción (CLEPA) nun encontro centrado nos retos aos que fai fronte a industria europea, entre eles a competencia de construtores chineses en coches, baterías, software e hardware para a condución autónoma.
A Comisión comprometeuse tamén a adiantar a revisión prevista para 2026 dos estándares de CO2 que prohiben a venda de coches e furgonetas novos que emitan dióxido de carbono a partir de 2035.
A patronal advertira de que "non é viable" manter esa data e pide máis flexibilidade regulatoria, así como incentivos para acelerar as vendas de vehículos eléctricos, que acadaron unha cota de mercado do 17 % no primeiro semestre de 2025, un 25 % se se inclúen os híbridos.
"Queremos que o futuro dos coches –e os coches do futuro– se fabriquen en Europa"
Bruxelas inxectará 1.800 millóns de euros de capital propio para apoiar os "futuros campións europeos das baterías". Ademais, aplicará principios de "preferencia europea" e de "contido local" en licitacións de baterías e compoñentes, e imporá condicións aos investimentos de fabricantes e provedores estranxeiros, especialmente chineses.
A presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, defendeu en redes sociais que Europa debe liderar a innovación automobilística combinando "descarbonización e neutralidade tecnolóxica".
"Queremos que o futuro dos coches –e os coches do futuro– se fabriquen en Europa. Por iso traballamos man a man coa industria para facelo realidade", afirmou. Tamén destacou que medidas xa adoptadas, como prorrogar esixencias de CO2, protexer as empresas da "competencia desleal" ou mellorar o acceso a materias primas, "xa están dando resultados".
A directora xeral de ACEA, Sigrid de Vries, advertira esta semana de que o sector precisa un plan realista cara á mobilidade sostible. "Hai unha gran transformación en marcha, pero non o suficientemente rápida para acadar os obxectivos. A regulación é demasiado ríxida e debe adaptarse á realidade", apuntou.