Publicador de contidos
Publicador de contidos

O alzhéimer e outras demencias poderían aumentar un 83 % ata o 2050

O alzhéimer e outras demencias poderían aumentar un 83 % ata o 2050

Máis de 70.000 persoas padecen alzhéimer e outras demencias en Galicia

O 80 % da carga económica destas enfermidades asúmea a familia

G24.gal 30/03/2024 13:45 Última actualización 30/03/2024 14:52

Os expertos aseveran que os casos de alzhéimer e outras demencias irán en aumento nos vindeiros anos. Calcúlase que aumentarán no conxunto de España nun 83 % de aquí ao ano 2050.

Desde a Federación Alzhéimer Galicia contan con centros terapéuticos para doentes e acompañan as familias durante todo o proceso.

"Cando falamos de alzhéimer, falamos da enfermidade sociosanitaria por excelencia e hai moitas persoas por diagnosticar. Esforzámonos na detección precoz da deterioración cognitiva para iso temos a través das nosas asociacións programas de envellecemento activo, que ademais de servir para estimular cognitivamente, tamén nos serve para detectar os primeiros síntomas", di César Bugallo, presidente da Federación Alzhéimer Galicia.

O sistema sociosanitario ten por diante importantes retos aos que facer fronte ante as enfermidades neurodexenerativas, como son investigación, detección precoz e plans de atención a doentes, familias e coidadores.

"Temos que mellorar bastante porque a nivel estatal aínda non se aplicou un plan de atención a persoas con alzhéimer e outro tipo de demencia. Nese aspecto levamos bastante atraso con respecto a outros países", engade.

No mes de abril expertos e investigadores abordarán os retos e avances nesta enfermidade, tamén doentes e coidadores contarán a súa experiencia nunhas xornadas da Federación Alzhéimer Galicia, que se van desenvolver en Compostela.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade