Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santiago, A Coruña e Ferrol acenden a iluminación de Nadal este venres

Santiago, A Coruña e Ferrol acenden a iluminación de Nadal este venres

En Santiago arrinca ás 7 da tarde con espectáculos e xogos na praza do Obradoiro 

Na Coruña e Ferrol os encargados do acendido serán os futbolistas Bebeto e Álvaro Carreras

En Pontevedra, Lugo e Ourense a inauguración será o próximo venres, 5 de decembro

G24.gal 28/11/2025 15:19

Canto máis se achica a luz do día, máis se achega o momento de que empecen a brillar as noites por toda Galicia. En Santiago, a iluminación de Nadal arrinca este venres ás sete da tarde na praza do Obradoiro con espectáculos e xogos arredor da grande árbore de luz e o xardín das oito puntas. Na Alameda, as luces crearán un percorrido inmersivo e na Carreira do Conde abrirá o xa clásico mercado de Nadal.  

Tamén vai ser noite de acendido na Coruña grazas a preto de tres millóns de luces LED. O arranque vaino dar Bebeto, o exfutbolista do Deportivo, desde o balcón de María Pita. A praza transformarase nun poboado de Nadal con mercado, casetas e actividades. E os clásicos ornamentos da gran bola da Mariña e a árbore do Obelisco van sumar este Nadal teitos de luz nas prazas de Azcárraga e o Campo da Leña. 

Ferrol tamén se vai iluminar este venres da man doutro futbolista, Álvaro Carreras, que, aínda que agora xoga no Real Madrid, é moi ferrolán. Será ás oito na Praza de Armas con espectáculos e xogos de luces na grande árbore e na fachada do Concello. Outro punto forte será a praza de Amboage, cun teito luminoso formado por 832 grilandas LED e a silueta dun tren en 3D. 

E en Pontevedra, Lugo e Ourense xa está todo previsto para que o venres día 5 se acenda tamén a súa iluminación de Nadal e empece a programación especial de espectáculos e mercados coa que cada concello anima esta época festiva. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade