A última pelexa na Cidade Escolar da Coruña dispara as alarmas sobre a conflitividade
Unha muller que quixo mediar polo fillo mentres o pateaban caeu ao chan dun golpe
A veciñanza denuncia a degradación do barrio polo alto grao de conflitividade
O golpe da cabeza contra o chan retumbou en toda a rúa, e temeuse o peor.
"Dous homes estábanse pegando e un deles tirou a señora. Aquí houbo un estrondo criminal. A señora coa cabeza aberta, o sangue polo chan..., foi unha loucura", conta unha veciña do barrio.
"Empezaron co meu fillo e empezou a darlle unha malleira porque seica o roubara. El empezouse a defender, eu metinme e xa me deu un golpe e tiroume para atrás", completa a propia vítima.
Non se sabe como, pero salvou, e hoxe nai e fillo volvían pasar pola mesma esquina. Conta ela que quixo mediar. Todo empezou por un malentendido entre coñecidos.
"Dicía que o meu fillo lle roubara e el dicíalle que non. E o outro empezouse a meter e empezoulle a pegar e así acabamos", engade a muller.
"Foi por unha movida dunhas zapatillas e como ían... tal pau, tal fillo, tal e nai... ían todos bébedos, o outro 'encebolouse' e pegoulle", explica unha testemuña.
Agresor, agredido e a propia nai trátanse. Son compañeiros de vidas difíciles.
No barrio están desesperados. Esta última pelexa non os colle por sorpresa.
"Sentes os berros e xa non saes. A que vas saír?".
"Hai pelexas continuamente, ouriñan por toda a rúa, fan as súas necesidades..., e unha pasada e non lles digas nada".
A sucidade, as pelexas e as drogas son o pan de cada día, e o peor é que a conflitividade vai a máis.
"Isto cada vez vai a peor. Houbo mortes, aquí detrás do centro cívico houbo coiteladas, a un veciño meu acoitelárono".
"Aquí están todos os colexios. Hai nenos sempre por aquí e é unha vergonza que vexan todo isto".
Entre eles, tamén hai malestar. Séntense sinalados polos máis agresivos.
"Nós estamos aquí e nunca tivemos problemas. Baixo ás nove da mañá ata a unha, que vou comer, pero aquí pagamos xustos por pecadores".
A convivencia é complicada. O cansazo, moito. E, día a día, vaise impondo a resignación, tanto dos que non ven futuro coma dos veciños que non prevén solucións a curto prazo.