Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ataca un grupo de mozos con gas pementa en Ribeira desquiciado polos ruídos da movida

Ataca un grupo de mozos con gas pementa en Ribeira desquiciado polos ruídos da movida

Un dos mozos acabaou detido por pegarlle a un policía cando quixo golpear ao home que os atacara

O veciño, de algo máis de 60 anos, xa ameazara á mocidade noutras ocasións con diferentes armas

 

G24.gal 09/12/2025 14:47

Vive na rúa da movida, onde se concentran a maioría de locais de ocio nocturno. Esta fin de semana, contra as catro da mañá, xusto cando pechan os locais e coa xente na rúa, perdeu a paciencia.

"Un cristo aí enfronte cando saíu a xente do bar. Só por estar sentado diante da súa porta ou cousas así".

"É un señor que non leva ben o ruído que se fai á beira da súa casa e saíu chamarlles a atención", explican hostaleiros que pechaban a esa hora.

Chamoulles a atención pero de que maneira! Ameazounos cun coitelo e botoulles gas pementa na cara. Eran unha ducia de mozos e mozas, coa maioría de idade acabada de cumprir, de Ribeira e de Porto do Son. Algúns acabaron en Urxencias.

"Os mozos tiñan a cara toda irritada e foron para a clínica e, aparte do esprai pementa, levaban unhas manchas brancas que non sei se era po ou algo que lles botou a maiores", confirma unha testemuña.

Tamén o home, que pasa dos 60 anos, precisou asistencia sanitaria, polo que coincidiron no PAC e se volveu a liar. Un dos mozos foise contra o veciño que atacara os amigos, pero, froito da carraxe, golpeou o policía nacional que quixo frealo. Deulle de cheo e, de feito, o axente está de baixa. 

O mozo foi detido por agresión á autoridade. O home que os atacou por ameazas graves. Non é a primeira vez que provoca unha agresión similar. 

"Xa o detiveron aí atrás por saír cunha pistola e tiña un arsenal de armas na casa. Despois saía cos coitelos, agora co gas pementa"

"Anteriormente, saíra cunha pistola ameazando á xente que estaba na rúa, outras veces cun puño americano, cun machete", lamentan hostaleiros da zona.

Certo que na zona, sobre todo na rúa onde se concentran a maioría dos locais, están fartos. Son moitos anos e non hai máis desgrazas porque non lle cadra.

"Había un grupo de rapaces duns vinte anos. Estaban aí falando e, de repente, un deles pegoulle tres patadas á porta, así sen máis. Entón a min cruzóuseme un cable, collín un bate e saín tras eles".

"A xente está moi queimada", recoñecen os veciños.

Os dous detidos están en liberdade, á espera de xuízo. O mozo amosouse arrepentido pero o outro home non descarta repetir. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade