Dous condutores baixan do coche nun semáforo na Coruña e empezan unha liorta
O vídeo coas imaxes da liorta fíxose viral
"A verdade é que o vídeo é bastante curioso porque se ve como un condutor baixa do coche en pleno paseo marítimo para ir cara ao outro, e pégalle", comenta unha rapaza.
É o vídeo do que todos falan hoxe na cidade da Coruña. Unha lea entre dous condutores aproveitando o semáforo en vermello. O pique supostamente viña de atrás.
"Non sei o que pasou antes, pero está claro que a xente está moi estresada en moitos ámbitos, págano e un deles eu creo que é o coche que o utilizan para un pouco como para desfogarse dalgún xeito?, continúa.
Estrés, impaciencia ou mesmo falta de empatía poden ser factores que motiven a agresividade ao volante
"Temos présa para ir a todos os sitios e enseguida nos anoxamos se nos fan algunha cousa ou se cremos que nola fan". "En vez de pensar pois igual vai con présa ou non veu que viña ou tal, como que é moi fácil darlle á bucina e pitar". "Pois hai que poñerse no lugar do outro, non sabes o que pasa no outro coche, non sabes se vai cun neno pequeno e vai agoniado". "Estamos polarizados, estamos enfrontados e a agresividade está saíndo ao exterior pero cunha frecuencia que non estaba na vida normal de antes", opinan varios transeúntes.
Foron outros condutores e os peóns os que mediaron na lea que se disolveu en cuestión de segundos polo que non houbo que lamentar danos maiores. Pero deixa moito en que pensar.
"Como sociedade déixanos en moi mal lugar se permitimos que ese tipo de cousas pasen, a verdade que ata ese punto non se pode chegar".