Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tras semanas de alta, un paciente négase a marchar dun cuarto do HULA

Tras semanas de alta, un paciente négase a marchar dun cuarto do HULA

O Sergas puxo o caso en coñecemento da autoridade xudicial, que decidirá as medidas oportunas

O paciente reside nun cuarto do hospital onde se alberga el só
Félix Aragunde 27/02/2026 14:11

A pesar de que recibiu a alta clínica hai tres semanas, un paciente do HULA permanece nun cuarto do hospital. Mentres se nega a aceptar a alta administrativa e as distintas opcións que lle ofrecen os traballadores sociais, no centro hospitalario séguenlle dando as comidas e a medicación, aínda que xa non recibe visitas médicas.

"Nese caso, contáctase co servizo de Traballo Social, onde se lle ofrece unha serie de recursos sociais para facilitarlle a súa saída, pero ningún foi aceptado. Entón, encontrámonos nunha situación en que un paciente xa non ten motivo clínico para permanecer ingresado, pero que se nega a abandonar o centro hospitalario, e está ocupando unha cama necesaria para pacientes con procesos agudos que requiren hospitalización", explica Jorge Peinó, xefe de Admisión do HULA

Ante a negativa do paciente a abandonar o cuarto do hospital e a aceptar as alternativas que lle ofrecen, dende o Sergas púxose este caso, que cualifican de excepcional, en coñecemento da xustiza. Agora, serán as autoridades xudiciais as que determinen as medidas oportunas. 

"Terá que valorar a capacidade cognitiva do paciente para tomar decisións, e ao mellor nalgún caso hai que incapacitalo por non estar en condicións, e poderá determinar que ingrese nalgún centro en concreto ou simplemente que ten que estar de alta hospitalaria. Algo teñen que facer, e así o fan", sinala Peinó. 

"Podería lanzalo, mesmo cunha medida cautelar se fora necesario, pola necesidade de dispoñer dese cuarto, posto que podería causar un prexuízo grave para a saúde pública, e avaliar se excede do dereito constitucional de saúde qu todos temos. Se non ten ningún tipo de patoloxía, e tampouco ningunha que aconselle o ingreso involuntario nun centro psiquiátrico, a xustiza terá que tomar as medidas oportunas para o lanzamento e desaloxo desta persoa, incluso pola forza", engade o avogado Raúl Pérez. 

Mentres o xulgado non tome unha decisión, algo que aínda pode levar un tempo, o paciente seguirá dispoñendo dun cuarto no hospital lucense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos