Agresión brutal a dous homes en Miño, relacionada con violencia de xénero
Unha das vítimas ten once puntos na cabeza, supostamente polo golpe dun bate de béisbol
O agresor, investigado por lesións e violencia de xénero, di que é vítima dunha trampa
Preséntase como vítima dunha trampa.
"Saltou a alarma e había un coche vermello que non sabía de quen era, que non coñecía de nada. Achegueime ás instalacións da empresa e esas dúas persoas estaban esperando por min para pegarme", relata Serxio Regueiro.
Apóiase nas imaxes das cámaras de seguridade da empresa na que traballa, el como encargado e a súa exparella como xefa, a propietaria. E xustifica a lea por desavinzas laborais.
"Tempo atrás é certo que eu lle dixen que quería coller o mando todo da empresa e que ela se tiña que botar a un lado e aí empezaron os líos. De feito, ese mesmo día pola tarde mándolle unha mensaxe dicíndolle que quero as miñas vacacións e que á volta quero restrinxir o contrato", engade.
Pero hai outras imaxes, máis duras. Demasiado duras para ensinar. Unha agresión "cun obxecto contundente", segundo confirma a Garda Civil.
"A persoa agredida ten un traumatismo grande na cabeza e está convulsionando", escóitase a un garda civil, pedindo a ambulancia.
Botouse primeiro contra Fran, e púidolle custar a vida.
"Foi baixar do coche para romper o cristal de atrás do meu coche, romper o cristal de diante do meu coche e baixarme o bate na cabeza. Teño once grapas. Non me dou tempo de pór o brazo en posición de defensa. A min case me mata", exclama Francisco García, aínda impresionado.
Co mesmo bate arremeteu arremeteu contra o outro home que tamén acompañara a xefa. Querían apartar o coche que supostamente Serxio deixara atrancado para impedir a saída dos camións.
"A parte máis grande das vareadas levounas el tirado no chan para protexerme", recoñece Fran en agradecemento a un home a quen nin sequera coñecía.
"Nós estabamos alí para mover o coche atrancado. Nin lle dixemos nada nin lle fixemos nada", corrobora esa segunda vítima que non dá a cara por razóns empresariais.
Detivérono in situ por un delito de lesións e tamén por violencia de xénero.
"Ía levala por diante. Ía levala por diante. O que fixo non e de razoamento nin de pensamento dunha persoa normal", lamenta Fran.
"É unha persoa que ten xenio, que é moi agresivo e que sempre anda con bates nos coches", confirma o outro home.
Segundo contan, o acoso vén de lonxe. Hai audios que arrepían, pero ela nunca quixera denunciar. Fran quería mediar.
"Vin simplemente para levala ao cuartel da Garda Civil e facelo incluso entrar en razón. Dicirlle que non é normal o que lle fixestes na casa ou o que estás facendo agora co coche atrancado. Sei que lle custaría a vida estar soa ese día", advirte, con mensaxe tamén para outras posibles vítimas da violencia de xénero.
Nin sequera agora quere falar publicamente. Ten medo. O seu suposto agresor saíu do xulgado cunha orde de afastamento que lle impide seguir traballando na empresa. Pero fan vida a demasiado poucos quilómetros.