Vigo prende as luces dun Nadal que fascina milleiros de persoas
A cidade refulxe con case doce millóns de lámpadas led repartidas por 460 rúas e prazas
A Porta do Sol é o epicentro dun programa que este ano se estende ata Bouzas e Vialia
Vigo comeza a escintilar. O alcalde da cidade prendeu o alumeado de Nadal logo da xa coñecida conta atrás en inglés, castelán e galego coa que cada ano inaugura as festas "en todo o planeta".
"Todos os satélites internacionais arredor do planeta están enfocando a Vigo. O resto do mundo xa non ten cobertura", asegurou.
Nunha Porta do Sol ateigada malia a choiva previa, Abel Caballero acendeu os case doce millóns de luces led repartidas por 460 rúas e prazas, corenta máis ca o ano pasado.
Unhas 7.000 persoas presenciaron en directo o espectáculo ao pé dunha árbore de 45 metros de altura que xa se converteu no símbolo destas festas que cada ano atraen milleiros de visitantes.
Ademais, moita xente seguiu o acendemento dende as tres pantallas xigantes instaladas na rúa Policarpo Sanz, no museo Marco e no centro comercial Vialia.
Este ano hai máis de 7.000 motivos ornamentais, 50 elementos lumínimos 3D, un belén monumental, a casa de Papá Noel, a nora xigante, unha pista de xeo e outra de karts.
Ata o domingo 11 de xaneiro, o Nadal vigués complétase cos mercados da alameda, de Vialia e de Bouzas.
Sector hostaleiro
Malia as cancelacións de última hora polo mal tempo, esta fin de semana a ocupación media supera o 80% nos hoteis da cidade. Algúns establecementos colgaron o cartel de completo.
Son datas marcadas xa como tempada alta no calendario turístico de Vigo. Un 30% de hóspedes proceden do país veciño, onde a tradición da decoración do Nadal está ben arraigada.
"Tiña visto en Internet que era moi bonito, e diferente. Nós somos tamén dunha vila con decoración de Nadal moi bonita, como é Leiría. E quixemos vir coñecer tamén como son outras vilas no Nadal", comenta un turista portugués.
"É diferente. Din que Vigo é moi coñecido a causa do Nadal, e por ese motivo estamos aquí", engade outra turista.