Poucos renuncian a xogar polo menos un número no sorteo da lotería do Nadal
Xogamos por ilusión, por tradición, pero tamén por medo: "E se toca?"
Os primeiros décimos puxéronse á venda aló polo mes de xullo, con campaña publicitaria de Loterías do Estado incluída. En Madrid vimos colas na administración de Doña Manolita en pleno agosto.
Agora, a pouco máis dun mes para o sorteo máis agardado do ano, a maioría xa ten, polo menos, un boleto. Custa resistirse ao número que xoga a empresa ou que leva o bar no que adoitamos tomar o café.
"Xogamos o da empresa para evitar que lles toque a todos e ti quedes sen premio".
"Por se acaso, non vaia ser que lles toque a todos e quedemos nós sen ela", confesan dous coruñeses ás portas dunha administración de Loterías.
Mercamos o décimo por medo a quedar fóra dunha hipotética celebración, pero tamén porque a lotería do Nadal xa é un ritual inquebrantable na familia ou entre amigos.
"Entre amigos, familia... é algo tradicional. Para min a lotería significa o Nadal".
Na administración da praza de Pontevedra da Coruña deron un quinto premio o ano pasado. Están contentos coa evolución das vendas desta campaña.
"A lotería é como o turrón. Aínda que non che guste o doce, mercas o turrón polo Nadal. A lotería é algo tan tradicional que, quen non xoga un décimo?", pregúntase María José Abarca, que leva case cincuenta anos á fronte de La Barca de Oro.
Só hai unha probabilidade entre 100.000 de que nos toque o gordo, pero non perdemos a ilusión. O próximo 22 de decembro o sorteo da lotería de Nadal repartirá dous mil setecentos setenta e dous millóns de euros en premios.