"Claudia" deixa chuvias intensas con inundacións graves no Reino Unido e Irlanda
Os servizos de emerxencias emiten 200 avisos por risco, sobre todo en Inglaterra, o sur de Gales e Irlanda
En Gales pídenlles aos veciños que eviten desprazamentos para despexar as estradas e facilitar a atención das emerxencias
O impacto do temporal Claudia no Reino Unido e en Irlanda está a traer chuvias intensas con moitas incidencias e inundacións en distintos puntos.
Os servizos de emerxencias emitiron máis de 200 avisos e alertas por risco de graves inundacións sobre todo en Inglaterra, o sur de Gales e Irlanda. Máis de 12.000 propiedades recibiron protección con defensas temporais para evitar estragos peores.
En Gales as autoridades pedíronlles aos veciños que eviten desprazamentos para despexar as estradas e favorecer a atención das emerxencias. As intensas choivas deixan tamén milleiros de vivendas sen electricidade.
"Lamentamos profundamente as inundacións sufridas nos últimos días. Aínda que só afectaron a un pequeno número de vivendas, non deixa de ser devastador para quen se viu prexudicado", dixo nunha nota o responsable de quenda de inundacións da EA, Joe Cuthbertson.
Unha das áreas máis prexudicadas pola tormenta Claudia foi Gales, onde se declarou un "incidente grave" na zona de Monmouth, ao sur.
A deputada do partido populista de dereitas Reform UK no Parlamento galés Laura Anne Jones agregou na rede social X que tamén se provocaron cortes de luz en Monmouth e que os damnificados foron evacuados ao polideportivo da localidade. E alentou a poboación a realizar doazóns para "os que non tiveron tempo de recoller as súas pertenzas".
As imaxes difundidas polos medios británicos e nas redes sociais mostran coches, casas e negocios completamente mergullados na auga, así como os efectivos atravesando as rúas para rescatar as persoas illadas polas inundacións. Un pluviómetro en Tafalog in Gwent, Gales, rexistrou unha acumulación de 119,6 milímetros (mm) de choiva entre a tarde do xoves e a primeira hora da mañá do sábado e outro de Suckley (centro de Inglaterra) 80,6 mm no mesmo período.
A tormenta Claudia tamén causou estragos en Irlanda, principalmente no condado de Wexford, ao sueste da illa, onde as choivas asolagaron locais e vivendas e deixaron a máis de 3.000 persoas sen electricidade.