Os hoteis rozan o cheo na fin de semana en que Vigo acende as luces do Nadal
Ocupación do 86 por cento de media, con algúns establecementos completos sábado e domingo
Portugueses, que supoñen o 30 por cento, galegos, residentes no noroeste e, sobre todo, madrileños, compoñen o perfil do turista
En apenas unhas horas, ás oito da tarde, a Porta do Sol encherase de xente para asistir ao acendido das luces. A praza ten unha cabida de sete mil persoas, boa parte delas serán turistas aloxados nos hoteis da cidade. Algúns establecementos colgan o cartel de completo para esta fin de semana. Unha cifra alta de ocupación que está condicionada pola meteoroloxía.
Son datas marcadas xa como tempada alta no calendario turístico de Vigo. A atracción das luces tradúcese nunha ocupación hoteleira elevada, sobre todo nos establecementos da cidade.
"Imos colgar o cartel de completo en varios hoteis da cidade, pero non en todos, por esta meteoroloxía adversa que temos. O ideal sería que para o acendido acompañase o bo tempo", sinala César Ballesteros, presidente de FEPROTUR, Federación de Empresarios de Turismo e Hostalaría de Pontevedra.
Un trinta por cento dos hóspedes proceden do país veciño, onde a tradición da decoración do Nadal está ben arraigada.
"Tiña visto en Internet que era moi bonito, e diferente. Nós somos tamén dunha vila con decoración de Nadal moi bonita, como é Leiría. E quixemos vir coñecer tamén como son outras vilas no Nadal", comenta un turista portugués.
"É diferente. Din que Vigo é moi coñecido a causa do Nadal, e por ese motivo estamos aquí", engade outra turista.
Galegos que se desprazan no día ou en estancia curta e residentes no noroeste peninsular, compoñen o groso dos visitantes. Aínda que vai en aumento o número de madrileños, enganchados á competencia pola luzada.
"E como Almeida (alcalde de Madrid) aínda non se puxo serio con isto das luces, pois dixemos: imos a Vigo catro días a ver como está aquilo montado. E a verdade é que está isto moi interesante".
"Vimos de Madrid, porque o dixo o alcalde que ía ser hoxe. E tiñamos ganas de vir, porque nunca estivemos", comentan turistas procedentes da capital.
"O alcalde de Vigo a verdade é que puxo as pilas". "Vimos vivir unha experiencia creo que moi bonita". "Imos desfrutalo a tope", comentan os membros dunha familia madrileña.
A Porta do Sol é o epicentro da iluminación e o lugar onde esta tarde, ás oito, o rexedor vigués premerá o botón de acendido das case doce millóns de lámpadas, distribuídas por 460 rúas.