"É terrorífico..., e o cheiro!", din os veciños tras o desaloxo da casa ocupada en Moaña
Os ocupas que traían de cabeza a veciñanza do Real marchan "en pleno mono", tras recibir comida e algo de efectivo
A casa quedou completamente desfeita, con toneladas de lixo, mobles rotos e todo o material da carpintería vendido
"É lamentable dicilo. Facían as súas necesidades, tanto os cans coma eles, por toda a casa. Todo tirado polo chan, mobles rotos, a vaixela rompida por todos os lados, todo amoreado. Dende o faio ata o baixo, aquilo é terrorífico. Hai un cheiro que non se para", describe María Nieves Pena, a propietaria da casa ocupada.
Remata así un pesadelo de case dous meses de ocupación. Pesadelo emocional e tamén económico. No seu día foi o seu fogar e tamén o negocio de carpintería familiar.
"A luz levárona do taller, da carpintería, para riba, usando os radiadores. Non che quero nin dicir o consumo que hai aí. As facturas xa non ma queren deixar ver os meus fillos. Venderon toda a carpintería, toda a ferramenta e a maquinaria da carpintería vendéronnola toda, e o que había enriba tamén", engade María Nieves.
E non contentos...
"Cando pasabas por aquí, se estaban aí fóra, poñían a burlarse de nós. Cando saíu onte dixo: "Tedes bolsas de merda para limpar todo o ano". E é certo, porque o que hai aí, hai que ter valor para entrar", lamenta a propietaria.
Todo empezou cun conato de incendio do que se decataron os propietarios. Pasaron por diante de casualidade.
"Ao pasar por aquí vimos como saía o fume polo tellado, polas ventás e por todos os lados. Deume unha crise de ansiedade e xa chamou milla filla á Garda Civil", conta María Nieves, aínda conmocionada.
Con todo, non marcharon á primeira. Foron precisas horas de negociación.
"Estaban co mono e ofrecéronselles 50 euros para durmir ou para o que quixesen facer con eles, se asinaban", confirma Mónica Chaves, xefa de Protección Civil de Moaña e mediadora.
Servizos Sociais ofreceulles varias solucións para evitar outra ocupación, pero non é o que queren.
"Esta semana estiveron chamando constantemente por teléfono esixindo comida, bebida e unha casa para vivir", salienta Iria, unha das persoas que se puxo á fronte do movemento veciñal para botalos do barrio.
É cuestión de horas que outra familia pase polo mesmo. Sábeno. Por iso, todas as miradas están expectantes e a Policía Local séguelles os pasos de preto, conscientes de que "o problema móvese, pero non desaparece".