Os xabarís provocan dous accidentes nun dos accesos á cidade de Lugo
Ocorreu na zona da campiña onde os veciños aseguran que é habitual velos cruzando a estrada, nesta ocasión ningunha persoa resultou ferida, pero si faleceu un dos animais
Os expertos levan tempo advertindo deste problema e urxen medidas de control da súa poboación
Pasean ás súas anchas polas vías da cidade, sós, en manda, nada os asusta, nin o ruído, nin as luces... o xabaril é xa como un veciño máis, pero un veciño perigoso.
"É un paso habitual deles, na zona da ponte teñen uns carreiros, eu xa os atopei varias veces", di un veciño.
Nas últimas horas, provocaron dous accidentes nun curto espazo de tempo. O primeiro coche implicado chocou contra un grupo de catro, no segundo sinistro atravesaba a vía unha manda de dez animais. Nos dous casos ningunha persoa resultou ferida. Un dos animais si falecía.
"Viron a dez, non se si morreron os dez ou só un, pero vense moitos e teñen os prados desfeitos", asegura unha muller.
Nesta zona da cidade é frecuente velos. Os veciños xa andan con coidado, pero non axuda que a vía non teña proteccións nin iluminación.
"É unha zona escura, sen varandas, é perigoso encontralos", di unha muller.
Estes non foron os primeiros nin serán os últimos que baten contra eles.
"Eu unha vez choquei contra un, é importante levar recto o volante", di un home.
Os veciños piden plan para xestionar a poboación urbana dos xabarís, lembran que o seu lugar é o monte, non a cidade.