A Xunta aproba 1,4 millóns para compensar danos do xabaril
Fixa un máximo de 2.750 euros por subvención, aínda que prevé ampliar a partida, de ser necesario
No apartado de axudas, haberá tamén por terceiro ano consecutivo incentivos de ata 150 euros para adoptar cans e gatos
(Carlos Castro-Europa Press-Arquivo)
A Xunta aprobou 1,4 millóns de euros en axudas para compensar os danos ao xabaril, cun máximo de 2.750 euros por subvención, aínda que prevé ampliar a partida, de ser necesario.
Forman parte de oito liñas de axudas por 3,25 millóns de euros que se convocarán en decembro, entre as que se inclúen estas subvencións e outras para municipios e entidades protectoras en relación co coidado de animais (1,33 millóns), así como preservar árbores senlleiras.
Igualmente, por terceiro ano consecutivo haberá incentivos económicos de ata 150 euros para fomentar as adopcións de cans e gatos sen fogar.
Máis axudas
Por outra banda, a Xunta destinará 3,2 millóns (2,2 millóns en 2026 e un millón en 2027) para apoiar actividades de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos amparados por réximes de calidade.
Noutra orde de cousas, o Goberno galego destinará máis de 7 millóns para sanidade animal. Con este orzamento levarán a cabo traballos de diagnóstico, toma de mostras e a súa posterior análise para detectar enfermidades que afecten os animais de explotación, correspondentes aos programas de erradicación de enfermidades como a tuberculose ou a brucelose.
Executaranse tamén programas de vixilancia de doenzas como a leucose enzoótica ou a peripneumonía contaxiosa, así como o plan de vixilancia sanitaria na fauna silvestre.
Paralelamente, a Xunta outorgará un millón de euros en 2026 para tarefas de control do rendemento leiteiro e mellorar a calidade e xenética de leite en explotacións. Beneficiarán a Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra, asociacións oficialmente recoñecidas na comunidade para este labor.
As actividades subvencionables serán todas aquelas destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e as capacidades dos animais.