Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 50.000 persoas participaron no ensaio clínico Sincigal en Galicia

Máis de 50.000 persoas participaron no ensaio clínico Sincigal en Galicia

A meirande parte dos participantes son homes de entre 61 e 80 anos

O obxectivo do ensaio é reducir os ingresos hospitalarios mediante a vacinación contra o virus respiratorio sincipital

G24.gal 03/03/2026 11:01

Un total de 50.415 persoas participaron no ensaio clínico Sincigal, que ten como obxectivo avaliar a redución de ingresos hospitalarios na poboación galega mediante a vacinación fronte ao virus respiratorio sincipital (VRS).

Sanidade e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela tratan con este estudo clínico de comprobar de maneira científica a eficiencia da vacina fronte ao virus respiratorio sincipital en adultos, como xa se logrou co ensaio Galflu, que permitiu incluír a vacina de alta carga fronte á gripe para maiores de 70 anos en Galicia.

Segundo os datos achegados pola Consellería, por distritos sanitarios participaron no ensaio Sincigal 11.972 persoas da Coruña, 920 de Cee, 5.273 de Lugo, 1.182 da Mariña, 719 de Monforte de Lemos, 6.285 de Ourense, 648 de Verín, 732 do Barco de Valdeorras, 4.926 de Pontevedra, 1.908 do Salnés, 5.624 de Santiago de Compostela, 807 do Barbanza, 3.978 de Ferrol e 5.441 de Vigo.

Por grupos de idade, participaron 2.816 persoas de 18 a 40 anos, 3.999 de 41 a 50, 8.803 de 51 a 60 anos, 18.232 de 61 a 70, 10.846 de 71 a 80, 4.645 de 81 a 90 anos e 1.074 maiores de 90.

Por sexo, do total de participantes, 26.157 eran homes e 24.258 mulleres.

A Consellería de Sanidade agradeceu a colaboración a todos os participantes nesta iniciativa, posta en marcha a finais do pasado mes de novembro e que se prolongou ata finais de febreiro.

Un virus semellante a un arrefriado común que pode causar problemas pulmonares graves

O VRS é un virus habitual que na maioría de casos xera síntomas leves parecidos aos dun arrefriado común, como dor de garganta, tose ou conxestión nasal.

En lactantes, en adultos de idade avanzada e en persoas con patoloxías crónicas, este virus pode causar problemas pulmonares graves susceptibles de requirir a hospitalización e "é responsable cada ano de centos de hospitalizacións en Galicia", subliña a Consellería.

Ademais, esa enfermidade en adultos pode empeorar patoloxías como a enfermidade pulmonar obstrutiva crónica ou a insuficiencia cardíaca.

Actualmente a Xunta ofrece a inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial de 0 a 6 meses, cunha cobertura próxima ao 100 %, unha protección introducida en Galicia en 2023 e que permitiu reducir as hospitalizacións en máis do 90 % por esta infección nos nenos e nenas vacinados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade