Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sanidade cifra nun 7 % o seguimento da folga en Primaria este venres e O'Mega fala dun 75 %

Sanidade cifra nun 7 % o seguimento da folga en Primaria este venres e O'Mega fala dun 75 %

O'Mega rexistra unha nova convocatoria de folga en todos os niveis asistenciais os días 9, 10, 11 e 12 de decembro

Centro de saúde Concepción Arenal, en Santiago de Compostela (EUROPA PRESS) Centro de saúde Concepción Arenal, en Santiago de Compostela (EUROPA PRESS)
G24.gal 28/11/2025 15:07

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, rexeitou as acusacións vertidas estes días polos sindicatos sobre a manipulación dos datos de seguimento da folga en Atención Primaria, que para a quenda de mañá deste venres cifrou en arredor dun 7 %.

En declaracións aos medios este venres en Vigo, o conselleiro reiterou que a Consellería de Sanidade recibe os datos das diferentes áreas sanitarias "e comunícaos, simple e sinxelamente".

Onde si fixo fincapé é en que é unha folga de Atención Primaria, co que se inclúe a diferentes categorías profesionais, e que o "que si parece manipulación" é "querer dar por feito que unha persoa que está de mínimos ou que está de días libres, ou de vacacións, apoia a folga".

O conselleiro avanzaba que este venres podería rexistrarse un aumento no seguimento do paro ao sumarse o convocado polos Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE). Sobre isto, lembrou que a folga non é contra a Consellería, senón contra o Ministerio de Sanidade.

"Imos pedirlle á ministra de Sanidade que, por favor, faga un grande esforzo, como fixemos aquí en Galicia, de negociación cos sindicatos para tentar evitar a folga de decembro, realmente demoledora para as listas de espera", comentou, en referencia á reunión do Consello Interterritorial de Saúde que se celebra este venres.

As cifras de seguimento en Atención Primaria

A Consellería de Sanidade facilitou os datos de seguimento da folga en Primaria, que na quenda de mañá rolda o 6,99 % na totalidade dos centros sanitarios galegos.

Más pormenorizadamente, na área da Coruña e Cee, o seguimento foi do 5,03 %; na de Santiago de Compostela e Barbanza, do 10,40 %; na de Ferrol, 6,76 %; na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, o 2,89 %; na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o 1,45 %; na de Pontevedra e O Salnés, o 4,44 %; e na de Vigo, o 4,51 %.

Este venres é a última xornada dunha folga iniciada o mércores pola CIG e O'Mega, tras desconvocar CSIF, CCCOO e UXT, así como Simega, ao chegar a un acordo coa Consellería de Sanidade que se concretará o vindeiro venres 5 de decembro na Mesa Sectorial.

Folga TCAE

Así mesmo, nun comunicado explican que a folga de TCAE alcanzou un seguimento en toda Galicia do 8,28 %. Por áreas sanitarias, na da Coruña e Cee, a participación foi do 7,92 %; na de Santiago de Compostela e Barbanza, do 1,72 %; na de Ferrol, do 1,11 %; na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, do 6,16 %; na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, do 7,80 %; na de Pontevedra e O Salnés, do 14,89 %; e na de Vigo, do 16,52 %.

O'Mega cifra o seguimento no 75 %

O'Mega cifra o seguimento deste venres no 75 % dos médicos e facultativos deste nivel asistencial, unha porcentaxe que, indican os seus responsables, elevouse ata o 90 % no caso dos residentes.

O sindicato acusa á Xunta de "falsear" os datos sobre a participación nestes paros ao contabilizar a todos os profesionais de Atención Primaria, e de "impoñer uns servizos mínimos abusivos que afectan ao 47 % do persoal". 

O'Mega rexistra unha nova convocatoria de folga en todos os niveis asistenciais

O sindicato médico O'Mega rexistrou unha nova convocatoria de folga, está vez de médicos e facultativos de todos os niveis asistenciais da sanidade galega, incluídos hospitais e servizos de urxencias.

A nova folga desenvolverase os días 9, 10, 11 e 12 de decembro, informa o sindicato nun comunicado, e coincide cunha convocatoria para toda España feita por outros sindicatos.

A nova folga convocada, sinala o sindicato de médicos, "ten por obxecto non só denunciar o anteproxecto de Lei de Estatuto Marco que promove o Ministerio de Sanidade, e que O'́Mega considera inasumible, senón tamén esixir da Xunta a posta en marcha de medidas que melloren a organización da sanidade pública galega e teñan en conta as reivindicacións laborais dos médicos e facultativos do Sergas".

O'Mega, xunto á CIG, chamaba ata este venres á folga de médicos e facultativos de Atención Primaria para denunciar a reforma que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) pretendía levar a cabo neste nivel asistencial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade