Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta incrementará nun 50 % o persoal da Área de Saúde Mental nos próximos cinco anos

A Xunta incrementará nun 50 % o persoal da Área de Saúde Mental nos próximos cinco anos

O Plan de Saúde Mental de Galicia 2026-2030 contará un rzamento de 177 millóns de euros

G24.gal 07/09/2026 11:11 Última actualización 07/09/2026 15:57

O Consello da Xunta aprobou este luns o Plan de Saúde Mental de Galicia 2026-2030, que incrementará nun 50 % o persoal desta área e contará cun orzamento de 177 millóns de euros.

O obxectivo é o de avanzar cara a un modelo asistencial "máis accesible e coordinado, humanizado e innovador", con especial atención aos colectivos considerados máis vulnerables, entre eles os nenos, adolescentes e as persoas amiores.

Segundo destacou o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, na conferencia de prensa posterior á xuntanza do Executivo Galego, vanse contratar nos próximos anos 357 profesionais de diferentes especialidades, como psicoloxía, enfermaría ou terapia ocupacional e traballo social.

O conselleiro de Sanidade Antonio Gómez Caamaño destacou na súa intervención que a saúde mental é unha prioridade para a adminsitración, de aí deriva a folla de ruta para ofrecer a mellor resposta.

O plan, dixo o conselleiro, dá continuidade ao anterior postcovid, logo de que tras a pandemia se incrementasen notablemente os problemas de saúde mental. 

Gómez Caamaño dixo que agora se redobran os esforzos e cualificou como histórico ese orzamento de 177 millóns, que supón máis que duplicar o anterior.

Dos profesionais que se van contratar, 124 serán especialistas en psiquiatría e psicoloxía clínica e máis dun centenar de enfermaría.

O plan xirará ao redor de seis liñas estratéxicas: trastorno mental grave, saúde mental na infancia e na adolescencia, saúde mental en idades avanzadas, transtorno mental común, programas e unidades monográficas e trastornos aditivos e condutas relacionadas. 

As accións irán guiadas pola humanización, sensibilización e loita contra o estigma, a integración asistencial, a optimización de recursos e sistemas de información, a xestión do coñecemento, investigación e innovación, e resultados en saúde e indicadores.

Para os pacientes con trastornos mentais graves, estenderanse as unidades de rehabilitación psiquiátrica hospitalaria a todas as áreas sanitarias, potenciarase a hospitalización a domicilio e ampliaranse os equipos de continuidade de coidados e as prazas de rehabilitación psicosocial e laboral.

No ámbito infanto-xuvenil, ampliarase progresivamente ata os 18 anos a idade de atención, reforzarase a detección temperá de condutas de risco e crearanse novas unidades e camas de hospitalización.

Para as persoas maiores desenvolveranse programas específicos de psicoxeriatría en todas as áreas sanitarias e actuacións contra a soidade non desexada.

Respecto aos trastornos mentais comúns, especialmente ansiedade e depresión, reforzarase a capacidade de Atención Primaria e consolidarase a rede de Psicoloxía Clínica para priorizar as intervencións psicolóxicas fronte ao uso excesivo de psicofármacos.

O plan prevé ademais ampliar os programas para patoloxías de alta complexidade, como a conduta suicida, a depresión resistente ou os trastornos da conduta alimentaria, cunha segunda unidade de referencia para estes últimos no sur de Galicia.

Investimentos nas áreas sanitarias de Lugo e Santiago

O Consello da Xunta tamén autorizou este luns destinar case sete millóns á contratación do servizo de hemodiálise extrahospitalaria na área sanitaria de Lugo para os vindeiros dous anos.

Ademais declarou Proxecto de Interese Autonómico (PIA) a ordenación da contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago para que a Xunta poida dispoñer canto antes dos terreos necesarios para mellorar os accesos e a mobilidade no hospital, que está nestes momentos finalizando os traballos de ampliación.

O proxecto de reordenación estará listo a comezos do 2027 e inclúe a reorganización dos accesos e a rede viaria, a creación de novos aparcadoiros, un deles con 1.500 prazas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade