Veciños de Vigo instalan unha árbore de Nadal para denunciar a falta de iluminación na parroquia
Instalaron en En Santo Andrés de Comesaña unha árbore duns 20 metros de alto no xardín dunha vivenda
En Vigo a árbore de Nadal da Porta do Sol ten cada vez máis competencia. Unha familia de Santo André de Comesaña instalou no xardín da súa casa unha árbore de 20 metros e pretenden que siga medrando cada ano. A decoración da vivenda converteuse nunha actividade que polo Nadal une os veciños da zona que con moi bo humor tamén reivindican máis iluminación nas parroquias.
O propietario do xardín onde se instalou a árbore, Samuel González, explica que foi unha motivación querer competir coa instalada polo alcalde de Vigo na Porta do Sol.
"Empezamos cunha arboriña de 6 metros, ao ano seguinte melloramos e fixemos unha de 12 metros. Este ano xa metemos unha de 20 metros coa súa estrela. Temos que chegar aos 40 metros", explica. Un veciño seu aspira a superar a árbore do Nadal da cidade, con 46 metros de altura.
Os veciños afirman como esta iniciativa crea unión entre eles e axuda a que se coñeza a súa aldea: "Os veciños, amigos e familia veñen bastantes axudar e non hai queixa", declaraba unha veciña.
Os propietarios da vivenda onde se instalou a árbore de Nadal, tanto Érika Vila como Samuel González, din que fan "piña"entre todos os que van axudar e, aínda que destacan que "son noites sen durmir, traballamos todos e empezamos cando podemos, ás oito da tarde ou sete da tarde. Ao final merece a pena. Pasámolo en grande".
Compuxeron as súas propias cancións para o Nadal e con bo humor demandan máis atención á iluminación nas parroquias, porque "queren tamén gozar do Nadal. "Ao final é alegría para nós, que tamén somos de Vigo. Temos que ver o noso alcalde aquí. Gustaríanos que estivese con nós un ano para acender as luces", reclama Samuel.
Con este ritmo, traballo conxunto e bo humor, seguro que o conseguen.