Falece un home tras caer á auga accidentalmente no Grove
O cadáver foi rescatado no peirao situado detrás da lonxa
Un home duns 60 anos faleceu este martes tras caer á auga na Avenida de Beiramar, no peirao situado detrás da lonxa do Grove.
O 112 Galicia recibiu o aviso ás 14:45 horas, a través dun particular que solicitaba asistencia para un familiar, ao que acababan de retirar da auga e que, segundo indicaba, podería estar falecido.
De inmediato, desde a sala de operacións do 112 Galicia activouse o protocolo correspondente e notificouse o suceso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a Salvamento Marítimo, á Sala de Gardacostas, así como á Garda Civil, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil do municipio.
🔴 #AXEGAInforma dun home falecido ao ser rescatado da auga no Grove.
— 112 Galicia (@112Galicia) November 25, 2025
📍 Avenida de Beiramar, peirao detrás da lonxa.
➡️ A alerta chegou ás 14:45 horas a través dun particular e as primeiras hipóteses apuntan a que puido caer accidentalmente á auga.
🔗 https://t.co/4pi7CLUdHM pic.twitter.com/ZRNuH5mUvh
Nun primeiro momento, o persoal sanitario mobilizou o helicóptero medicalizado con base en Santiago de Compostela, aínda que finalmente foi anulado ao confirmarse o falecemento do home.
Segundo as primeiras hipóteses manexadas polas forzas da orde, o falecido, duns 60 anos, podería ter caído accidentalmente á auga.
Axentes da Garda Civil, que se fixeron cargo da investigación, e da Policía Local e voluntarios da agrupación de Protección Civil completaron o dispositivo de resposta.