Rueda no 25-N: "Sexamos inflexibles ante os que negan esta realidade"
Rueda anunciou que no 2026 haberá un protocolo único para mellorar a resposta das policías locais ante posibles casos de violencia contra as mulleres
Destacou a implicación das empresas que usan a guía editada pola Xunta (unhas 300, entre elas a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia) na erradicación da violencia machista
Fabiola García: "Que ninguén quede calado porque se non o machismo gaña"
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pide a implicación de toda a sociedade na loita contra a violencia de xénero e destaca o labor das empresas comprometidas na detección de casos no ámbito laboral. O xefe do Goberno galego insta a ser "inflexibles cos que negan esta realidade".
Rueda presidiu o acto institucional deste 25-N que se celebrou na Coruña e que tivo como protagonistas as empresas adheridas á iniciativa da Xunta para apoiar as mulleres vítimas da violencia machista dende o tecido produtivo. O Goberno galego puxo en marcha este ano unha guía para axudar as empresas a detectar casos e saber como actuar.
Durante este acto tomou a palabra unha vítima da violencia de xénero, que explicou que o espazo de traballo, onde as mulleres pasan boa parte do día e se senten seguras, poden ser aliados para axudalas a dar o paso de denunciar e pedir axuda.
A expresidenta do Observatorio contra a Violencia de Xénero Ángeles Carmona apuntou que se poden detectar casos "cando vemos olladas tristes ou baixas laborais moi reiteradas".
Na súa intervención o presidente da Xunta destacou a implicación das empresas que usan esta guía (unas 300, entre elas a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia) na erradicación da violencia machista, unha tarefa, apunta, que debe ser colectiva.
"Sexamos inflexibles e non toleremos ningunha actitude que negue unha evidencia tan clara coma esta", defendeu o presidente.
Rueda anunciou que no 2026 haberá un protocolo único para mellorar a resposta das policías locais ante posibles casos de violencia contra as mulleres.