Fabiola García: "Que ninguén quede calado porque se non o machismo gaña"
A conselleira de Igualdade salienta a campaña institucional da Xunta para previr a violencia dixital: "Que ninguén permita ser controlado a través dos teléfonos móbiles"
O Goberno galego reforza os recursos contra a violencia machista e programa máis de 400 actividades co gallo do 25-N
A Xunta reforza os recursos contra a violencia machista e desenvolve máis de catrocentas actividades co gallo do 25-N. Neste Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a conselleira de Igualdade, Fabiola García, subliña que esta xornada “é un día máis para alzar a voz e dicir non á violencia de xénero, pero non se pode traballar só un día ao ano”, asegura nunha entrevista no Bos días da Televisión de Galicia.
No marco desta conmemoración, a Xunta desenvolve máis de 400 actividades en toda Galicia, entre elas unha andaina reivindicativa este sábado ás 11:00 horas desde o Monte do Gozo, en Santiago.
A conselleira explicou que a campaña institucional deste ano busca interpelar directamente a cidadanía: “O obxectivo é que ninguén quede calado. Que as mulleres que sofren violencia denuncien no 016 ou ante as forzas e corpos de seguridade, e que a sociedade non mire para outro lado”, afirma.
A campaña céntrase especialmente na violencia dixital, fomentando que a mocidade recoñeza sinais de control a través dos teléfonos móbiles, o acceso ás claves persoais ou o ciberacoso.
"Que ninguén permita ser controlado a través de dispositivos móbiles e das redes sociais, que non permitan ese control e que digan non, porque se non din non, o machismo mata".
Centros de información móbil para o rural e campus universitarios
A conselleira de Igualdade e Política Social, Fabiola García, destacou que Galicia se atopa “a piques” de poñer en marcha a Lei de violencia dixital, un novo marco normativo co que a Xunta busca protexer especialmente ás xeracións máis novas dos riscos asociados ás tecnoloxías e ás novas formas de control e abuso.
Para reforzar a prevención, a Xunta porá en marcha na segunda quincena de decembro os novos centros de información móbil (CIM móbiles), que percorrerán o rural e os sete campus universitarios. Estes dispositivos achegarán asesoramento directo ás mozas e mozos, un colectivo no que os xuíces e fiscais detectan un incremento de casos: máis da metade das vítimas que denuncian delitos de violencia sexual teñen menos de 30 anos.
Na actualidade, os CIM prestan servizo a máis de 7.000 persoas ao ano en máis de 80 concellos. García chamou as vítimas a acudir a estes centros, onde atoparán información, acompañamento e recursos adaptados ás súas necesidades.
Nova casa de acollida e apoio á independencia económica
A conselleira avanzou tamén a creación en Santiago dunha nova casa de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero que necesiten terapias específicas. Ademais, subliñou a importancia da independencia económica para abandonar unha situación de maltrato. Este luns, o Consello da Xunta aprobou axudas por valor de 1 millón de euros para favorecer contratos indefinidos a mulleres vítimas da violencia machista, "un paso decisivo para reconstruír as súas vidas”, asegura García.
Así, as mulleres que denuncien contarán, con recursos habitacionais, axudas económicas mensuais e acompañamento especializado, especialmente no caso de ter menores a cargo.
Fallos nas pulseiras antiacoso: “É inadmisible que unha muller se sinta desprotexida por culpa do seu Goberno”
A conselleira lamenta que o Goberno central aínda non informara á Xunta do volume de mulleres galegas afectadas polos erros das pulseiras antimaltrato. Hai uns días, García envioulle unha carta á ministra pero aínda non recibiu comunicación oficial do Ministerio. “É inadmisible que unha muller se sinta desprotexida por culpa do seu Goberno”, denuncia.
A conselleira urxe o Goberno a incrementar o número de efectivos policiais en Galicia e a reformar o sistema VioGén, en que están inscritas máis 6.000 mulleres en Galicia.
Fabiola García indicou que solicitou hai meses ao Ministerio do Interior a súa modificación, e aínda que se puxo en marcha Viogen 2, alerta de que continúa “con eivas importantes”. Segundo explicou, os niveis de risco que establece o algoritmo para algunhas vítimas é inferior ao risco que realmente padecen.
Neste 25-N, García envía unha mensaxe ás mulleres que sofren violencia, no fogar ou no ámbito laboral: “Que denuncien a través do 016. Non chega con celebrar un día ao ano: temos que estar unidas todos os días, cun feminismo reivindicativo que implique a todas e tamén a todos”.