Máis de 1.300 entrevistas e 32 mulleres atendidas no cribado de Galicia para detectar violencia machista
Máis de 1.300 entrevistas e 32 mulleres atendidas no cribado de Galicia para detectar violencia machista
A Escola Galega de Administración Pública (Egap)convocou este ano 76 cursos e máis de 1.600 horas de formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero.
Os cribados realízanse nos centros de saúde
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este luns a "tolerancia cero" do seu Goberno coa violencia de xénero e destacou os avances na súa detección precoz a través do cribado que realiza o Servizo Galego de Saúde (Sergas), "co que se fixeron entrevistas a máis de 1.300 mulleres no que vai de ano e que permitiu prestar atención a 32 mulleres con risco de ser vítimas".
O Consello da Xunta analizou un informe sobre os resultados deste cribado desenvolvido pola Consellería de Sanidade nos centros de saúde co obxectivo de "poñer en marcha un protocolo" e establecer pautas que guíen a procura activa de mulleres que poidan sufrir esta situación. O cribado, tal e como explicou Rueda, consiste na realización dunha breve enquisa validada cientificamente a calquera muller a partir de 15 anos cando acode a unha consulta cos distintos profesionais sanitarios dos centros de Atención Primaria e estes "observan algún síntoma de alerta".
En caso de resultar o cribado negativo, repetiríase aos dous anos. "Os profesionais sanitarios informan a paciente sobre os seus dereitos e asesórana sobre os pasos para seguir; emiten un parte de lesións no caso de ser preciso, que se remite aos xulgados; avisan os pediatras se hai fillos menores; e rexistran a situación no historial clínico", detallou o presidente.
Desta forma, a Xunta valora a relevancia da identificación de vítimas por parte dos profesionais sanitarios porque a consulta ofrece unha contorna de seguridade e de confianza. Ademais, saber que na sanidade pública se realizan cribados transmite o compromiso institucional permanente na loita contra a violencia de xénero. Así, o cribado estenderase a medida que avance a implantación da última versión da historia clínica electrónica Ianus5, que no primeiro semestre de 2026 terán dispoñible 2.000 profesionais. Por tanto, a Consellería de Sanidade segue as indicacións da Organización Mundial da Saúde cando destaca o papel do persoal sanitario na detección e prevención da violencia de xénero.
Por outra banda, na súa reunión semanal, o Goberno galego analizou un informe da Escola Galega de Administración Pública (Egap), no que detalla que convocou este ano 76 cursos e máis de 1.600 horas de formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero. A Xunta explicou que ademais de todo o persoal empregado público da Comunidade, estes cursos estiveron dirixidos tamén ás persoas traballadoras dos centros de información á muller e aos profesionais de atención directa ás mulleres vítimas de violencia de xénero.