Publicador de contidos

Publicador de contidos

O feminismo galego en pé contra a violencia machista este 25N

O feminismo galego en pé contra a violencia machista este 25N

As rúas da principais cidades acollerán manifestacións ás 20:00 h co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres

A Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres, responsable das principais concentracións, maniféstase este ano baixo o lema Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista

: Javier Vázquez / Europa Press : Javier Vázquez / Europa Press
G24.gal 25/11/2025 08:34

Galicia volve saír á rúa este martes 25 de Novembro para protestar pola violencia contra as mulleres.

Un ano máis, as manifestacións sairán arredor das 20:00 horas desde as principais cidades do país. A Coordinadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres, responsable das principais concentracións, maniféstase este ano baixo o lema Combater a violencia institucional para acabar coa violencia machista. Alegan que a institucional constitúe o carácter estrutural da violencia machista: "Permea cada ámbito da vida e impide a conquista dos nosos dereitos".

"Necesitamos reconstruír con perspectiva feminista toda a engrenaxe institucional da nosa sociedade para eliminar as discriminacións e as violencias que sufrimos as mulleres galegas", remarcan.

Respecto á violencia xudicial, esixen a fin da custodia compartida cos maltratadores e a creación de xulgados específicos de violencia machista por todo o territorio galego, especialmente nas principais cidades.

Tamén fan referencia á violencia obstétrica, pedindo que se garanta o dereito ao acompañamento para probas diagnósticas e partos, incluído o pel con pel coa nai; ademais do consentimento expreso das mulleres para a realización de manobras ou intervencións durante o embarazo, o parto e o puerperio. Tamén esixen o cesamento inmediato da realización de prácticas desaconselladas pola OMS e o propio Ministerio de Sanidade, como a manobra Kristeller ou a manobra Hamilton, espisiotomías de forma rutineira, puntos da canle de parto innecesarios e non consentidos.

En termos xerais, esixen que as políticas de igualdade sexan centrais na organización dun goberno que pretenda acabar coa violencia de xénero, o cumprimento da lei integral contra a violencia machista e que esta estea en constante actualización, e tamén a transversalidade do feminismo en todas as políticas que se desenvolvan en todos os niveis institucionais.

Horario e localización das manifestacións

As marchas partirán ás 20:00 horas desde puntos céntricos das principais cidades. Na Coruña, desde o Obelisco; en Ourense, desde Castañeira (San Lázaro); en Pontevedra, desde a Praza da Peregrina; en Lugo, desde o Edificio da Xunta, convocada pola Plataforma Feminista baixo o lema Nin fronteiras nin portas pechadas, vivas, libres e organizadas; e en Vigo, desde Vía Norte, ás 19:00, convocada pola asociación Resposta Feminista baixo o lema Que a vergoña mude de bando. Feminismo sen tregua.

No caso da capital, Santiago de Compostela, a manifestación de MMM sairá ás 20:00 horas desde a Praza 8 de Marzo. A organización xa emitiu un comunicado no que matiza que, aínda que haxa outras concentracións para o mesmo lugar e a mesma hora, son independentes e non unitarias.

Isto non é a primeira vez que ocorre. Desde 2023 o feminismo galego, e especialmente o compostelán, celebra dividido tanto o 25N como o 8M. MMM achácao ás condutas transfóbicas que se rexistraron na manifestación de hai dous anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade