A Xunta abrirá en Burela un novo centro para nenos migrantes que chegan sós
O centro terá doce prazas
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta, Jacobo Rey, anunciou este mércores en Burela que o Goberno galego abrirá neste concello da Mariña lucense un novo centro especializado para a acollida de rapaces migrantes non acompañados, con doce prazas.
Así o avanzou durante unha visita ás novas instalacións da entidade Rogacionistas, que se encargará da xestión deste novo centro.
Jacobo Rey lembrou que se trata dunha entidade especializada e con ampla experiencia neste ámbito e que, ademais, desde o primeiro momento se ofreceu á Xunta para xestionar este proxecto.
Deste xeito, destacou que o Executivo autonómico busca dar resposta ao previsible envío de máis menores estranxeiros nas próximas datas, ao tempo que lembrou que o Goberno de España impuxo a Galicia a acollida de 300 adolescentes.
Neste sentido, opinou que se trata dun reparto “arbitrario que prexudica o noso territorio e beneficia comunidades como Cataluña e o País Vasco que (segundo dixo) non teñen que asumir ningún menor migrante”.