A UFAM, unha unidade policial para acompañar ás vítimas da violencia machista
Facilitan a tramitación das denuncias e asesoran á muller en cada trámite do proceso
A designación dun axente custodio e o contacto preliminar co presunto agresor, outras das súas funcións
Nas instalacións en Vigo da UFAM, a Unidade de Atención á Familia e á Muller da Policía Nacional, todo está pensado para facilitarlle á vítima un paso transcendental na súa vida: a denuncia ao seu agresor.
"Non estamos de uniforme, ímoslles dar un trato preferente, imos crear un clima perfecto para que, no tempo que vai durar a denuncia, estea tranquila", explica Marián Perez, a responsable desta unidade.
Aquí explícanselles todos os pasos, facilítanselles entrevistas con psicólogos e asígnaselles un axente custodio que as vai acompañar ata o xuízo. Como Natalia Feijóo:
"Que saiban que nos poden chamar, que teñan ese vínculo de confianza co seu axente. Ofréceselles, por exemplo, a posibilidade de solicitar unha casa de acollida. Eu acompañámolas dentro do xulgado para prestar declaración".
Os axentes non só falan coa vítima: o contacto co presunto agresor tamén é un paso necesario. Marián Perez explica que "é importante falar con el para ver en que disposición está, para que saiba que hai un policía custodio, que hai un seguimento da súa parella, para explicarlles as medidas xudiciais que se puxeron, as ordes de protección, que son superimportantes".
Todo orientado a activar a única ferramenta eficaz contra unha agresión: a súa denuncia.