Publicador de contidos

Publicador de contidos

Macron estuda instaurar un servicio militar voluntario ante a crecente ameaza rusa

Macron estuda instaurar un servicio militar voluntario ante a crecente ameaza rusa

O presidente francés di que non implicaría enviar a mocidade a Ucraína

G24.gal 25/11/2025 20:02

O presidente francés, Emmanuel Macron, dixo este martes que un eventual servizo militar voluntario en Francia non implicaría enviar a mocidade a Ucraína, nun intento de disipar a idea "enganosa" de que os novos recrutas irían á fronte.

"Realmente necesitamos, polo menos agora, disipar calquera idea enganosa de que imos enviar a nosa mocidade a Ucraína. Non se trata diso en absoluto", afirmou Macron nunha entrevista na radio RTL e a televisión M6.

O presidente francés visitará o xoves próximo a 27ª Brigada de Infantaría de Montaña (BIM) en Varces (Isère, sueste) para anunciar un "novo marco para o servizo" nas forzas armadas e responder ao "desexo de compromiso" da mocidade.

Sinalou que ese día aclarará "a transformación do servizo nacional universal nunha nova forma", sen ofrecer máis detalles, e rexeitou confirmar se anunciará, como afirman medios franceses, a implantación dun servizo militar voluntario.

"Está moi claro que debemos fortalecer o pacto entre as forzas armadas e a nación", limitouse a sinalar.

Case 30 anos despois de que Jacques Chirac abolise o servizo militar obrigatorio en Francia, o actual presidente do país estuda reinstauralo, aínda que desta vez voluntario, para reforzar a defensa do país ante a crecente ameaza rusa, segundo varios medios locais.

A ministra delegada de Defensa, Alice Rufo, recoñeceu o domingo pasado na radio France Info que se está traballando na creación dese servizo, aínda sen decisións concretas tomadas.

Macron leva meses advertindo da necesidade de que Francia reforce as súas forzas armadas ante a crecente ameaza externa, especialmente de Rusia.

Unhas palabras que se inscribiron na defensa pechada que fixo do seu xefe do Estado Maior da defensa, o xeneral Fabien Mandon, que o mércores pasado asegurara que ante o aumento da ameaza internacional, o país debe estar preparado para "aceptar perder os seus fillos", palabras que xeraron unha grande polémica e inquietude no país.

Macron reiterou este martes que o xeneral Mandon ten a súa total confianza e considerou que as súas palabras se sacaron de contexto.

Segundo varios medios, a medida de crear un servizo militar voluntario estaría destinada a entre 10.000 e 50.000 mozas e mozos nun primeiro momento, fixado en 2030.

Para entón, a programación militar francesa prevé pasar dos 200.000 soldados e 47.000 reservistas actuais a 210.000 militares e 80.000 efectivos na reserva.

As fontes apuntan a que, ademais do incremento da masa militar do país, a instauración do servizo militar voluntario beneficiaría tamén a cohesión nacional.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade