Publicador de contidos

Publicador de contidos

Decorar as fachadas por Nadal ten límites: os adornos teñen que ser temporais e non poden causar molestias

Decorar as fachadas por Nadal ten límites: os adornos teñen que ser temporais e non poden causar molestias

En xeral, a lei permite que calquera propietario engalane o exterior da súa vivenda

É un costume que se estende, en parte, polos baixos prezos dos ornamentos

G24.gal 25/11/2025 14:54

O Nadal xa asoma nalgúns balcóns. Cando faltan trinta días para o 25 de decembro, empezan a verse casas e edificios con luces ou adornos colocados no exterior. É un costume que vai a máis e que, en principio, non xera problemas. Pero hai límites. A lei establece que a fachada dun edificio é un elemento común e que, por tanto, sobre ela teñen dereito todos os propietarios. Pero non existe unha prohibición expresa para colocar decoración, sexa por Nadal ou por outro motivo. O relevante é que se trate dun cambio temporal.

"A Lei de Propiedade Horizontal só se metería se fose un elemento permanente, fixo na fachada. Pero ao ser algo temporal, os concellos non se están metendo", asegura Antonio Maigler, administrador de inmobles.

Pero, nun caso extremo, un veciño podería solicitar que se retirasen adornos. Estaría amparado pola lexislación se causasen molestias -ollo, tanto a outros veciños como á xente na vía pública-, por exemplo luces ou altofalantes. Tamén, e isto serve para calquera elemento externo, se modifican notablemente a imaxe dun edificio. Rara vez pasa, o habitual, incluso, é que varios veciños se poñan de acordo para decorar un edificio. 

"Claro, queda superbonito, anima moito, vense as rúas máis bonitas, encántame", di unha muller á porta dun hotel no centro de Vigo.

"Eu, como teño netos, e a eles failles moita ilusión, gústame ver cousas así", di unha avoa que acaba de recoller na escola os seus raparigos.

A moda pola decoración exterior tamén se explica pola facilidade para contar con ese tipo de adornos. Cada vez hai máis produtos doados de instalar e a prezos moi accesibles, sobre todo os que chegan de Asia. Estes días xa brillan nos escaparates de moitas tendas.

"O que máis pide a xente é a luz de nadal, con moitas cores e tamén as grilandas e as cintas brillantes", explica Chunjuan Hou, encargada do bazar Shangai de Vigo.

"A min resúltame un pouco excesivo. Gústame o Nadal, pero o Nadal son quince días", comenta un veciño da cidade.

"Si, hai esaxeracións, si. Pero non todos somos iguais", engade unha muller.

Nalgúns barrios, tanto en cidades como en vilas máis pequenas, hai incluso competicións amigables de decoración de Nadal. Un veciño empeza a adornar a casa e esperta o gusto dos outros. E a bola de neve, cadra ben a expresión, vai crecendo e crecendo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade