Sanidade pide doazóns urxentes de sangue dos grupos A+, A-, 0+ e B+
O grupo A positivo atópase en nivel crítico
Galicia precisa 500 doazóns diarias para garantir a actividade hospitalaria

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), dependente da Consellería de Sanidade, fixo este mércores un chamamento urxente á poboación para doar sangue, especialmente dos grupos A+, A-, 0+ e B+.
As reservas do grupo A positivo sitúanse nun nivel crítico, mentres que as dos outros tres grupos están en nivel baixo.
Pola contra, os grupos 0 negativo e AB negativo manteñen niveis normais, e as reservas de B negativo e AB positivo están en bo estado.
ADOS lembra que moitas persoas hospitalizadas precisan transfusións por causas diversas, como intervencións cirúrxicas, transplantes, accidentes ou tratamentos de enfermidades.
Os hospitais galegos necesitan arredor de 500 doazóns de sangue cada día para manter a actividade asistencial con normalidade.
Para facilitar a doazón, a axencia conta con locais fixos nas sete cidades galegas e unidades móbiles que se desprazan estes días por distintos concellos das catro provincias. A localización das unidades pódese consultar na páxina web da axencia.