San Xoán 2025: toca conxelar as sardiñas para que cheguen frescas ao luns
Polo San Xoán, a sardiña molla o pan
Disque cumprir coa tradición de comelas, trae boa sorte
Ao cadrar o San Xoán en luns vai estar complicado encontrar o mesmo día sardiñas frescas, agás as escasas do xeito. Asociacións, amizades, familias, a maioría dos que celebran a entrada do verán nunha fogueira aproveitaron o derradeiro lance do cerco deste mediodía. Para conxelala e que non se perda só queda mañá, sábado.
Nos mercados e peixerías andaron moi atafegados desde primeira hora coas vendas e os encargos para conxelar ao cadrar en día sen pesca. Ninguén quere quedar sen a tradicional sardiñada, así que cómpre tirar de conxelador. E ata as propias peixeiras o fan sen reparos porque hai trucos para que cheguen igualmente boas á grella.
Que as quiten ás catro-cinco da tarde, déixana ao aire, e ás nove da noite aínda estará algo conxeladiña fana á brasa e sae perfecta.
Aínda que o prezo se infle coas datas, este ano seica non hai nada que dicir da calidade.
Dez euros, oito euros, e a calidade espectacular.
Por moito churrasco que se venda, a maioría cumpre a tradición: polo San Xoán, a sardiña molla o pan. Disque comer esa noite polo menos unha sardiña atrae a boa sorte todo o ano.
Así que se non se fixo xa, cómpre ir facendo sitio no conxelador. E no bandullo.