Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UDEF investiga o homicidio dun home marroquí na Coruña

A UDEF investiga o homicidio dun home marroquí na Coruña

O home, de preto de corenta anos apareceu morto na cama, con sinais de violencia no barrio dos Mallos

O corpo apareceu o martes pasado pero podía levar varios días morto

G24.gal 20/04/2026 14:24

 A falta de resposta fixo saltar as alarmas.

"Viñeron tres amigos e abriron para ver se estaba ben e atopáronse con que estaba morto. Díxome que estaba na cama, que cría que estaba morto", conta unha veciña.

Tendido na cama e con sinais de violencia atopárono o martes pasado, pero non se descarta que levara días morto. No edificio, nin viron, nin escoitaron, nin sospeitaron ata que os amigos deron aviso e a rúa se encheu de coches policiais.

"Cando baixei había tres rapaces aí, que un deles estaba chorando, a policía neste portal e varios coches na rúa e na esquina".

"Había moitos coches de policía, e estiveron moito tempo, ata case as cinco da tarde, que veu o coche da funeraria Apóstol, e despois vin baixar unha camiña con alguén".

"Cando vin co meu fillo do colexio, vin a policía que entraba aí, con maletas e guantes nas mans".

A vítima é un home marroquí, de preto de corenta anos, que traballaba nunha cadea de panaderías moi coñecida na cidade. No edificio, nunca deu problemas. Todo o contrario.

"Era un mozo moi educado e moi agradable, que sempre trataba e axudar. Se me vía con bolsas, axudábame a subilas..., era cordial", engade a moza. 

Facendo memoria, un veciño lembra que un día escoitou ruídos no piso, como se moveran mobles, pero nada que fixera pensar nun episodio violento. Tamén recordan outro susto. 

"A policía estivo o Domingo de Pascua, cos bombeiros e unha ambulancia, pero eu non sei que pasou", comenta unha muller que vive nun edificio próximo.

Fora un malentendido. O home agora asasinado non contestaba ao timbre porque estaba profundamente durmido. Desta vez foi diferente. Cinco horas estivo a policía pero o que de verdade sorprendeu foi a funeraria porque ao demais están acostumados. 

"A zona, entre os narcopisos e os okupas, está terrorífica", lamenta un veciño.

"Os Mallos agora ten mala fama, que vén todas as malas familias para aquí", coincide a nai que leva aí máis de media vida.

De momento, investigación aberta a cargo da UDEF, a Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal, que se interpreta como que algo intúen pero aínda sen detidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade