Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os restos óseos de Abadín coinciden co perfil xenético de Enrique Bolívar

Os restos óseos de Abadín coinciden co perfil xenético de Enrique Bolívar

A análise pericial establece a súa correspondencia co ADN do octoxenario desaparecido en setembro de 2023

O autor confeso da súa morte, agora en prisión por un roubo, sostén que foi un "atropelo accidental"

A avogada da familia, que desconfía da versión do sospeitoso, tras coñecer a nova: "Isto empeza aquí"

O investigado con axentes da Garda Civil
G24.gal 18/04/2026 09:24 Última actualización 18/04/2026 21:04

Os restos óseos localizados pola Garda Civil este venres no lugar de Quendes, no concello de Abadín, coinciden co perfil xenético de Enrique Bolívar, o octoxenario desaparecido no barrio de Fontepresa en setembro de 2023.

Segundo informa o corpo armado, as mostras recuperadas en coordinación con médicos forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia remitíronse ao departamento de bioloxía do servizo de criminalística para a súa análise.

Como resultado, obtívose un perfil xenético único que se contrastou co ADN de referencia atribuído a Enrique Bolívar, acadado a partir de indicios biolóxicos recollidos no seu domicilio por parte da unidade orgánica de policía xudicial da Comandancia de Lugo.

O cotexo realizado determinou a coincidencia entre ambas as dúas mostras pero, polo momento, o informe ten carácter provisional.

As forzas de seguridade peitearon a zona

Investigación aberta

Logo de tres días de procura, a Benemérita topou os restos óseos nunha zona do piñeiral de Quende, onde o principal sospeitoso da súa morte, Javier Montero, dixo que soterrara o corpo.

O investigado, que está a piques de abandonar o cárcere de Bonxe onde cumpre condena por un roubo, sostén que foi un "atropelo accidental". Polo momento, a investigación continúa aberta.  

Este luns, o autor confeso da morte do ancián volverá declarar ante a xuíza instrutora do caso para completar o interrogatorio e decidir se decreta a súa prisión provisional.  Será a partir das 9:30 horas nos Xulgados de Mondoñedo.

"Isto empeza aquí"

A letrada que representa á familia de Enrique Bolívar explicou que a aparición dos restos óseos do octoxenario non é o final para os seus achegados, que desconfían da versión do sospeitoso.

"Isto non se acaba (...) Isto empeza aquí" , dixo en declaracións a EFE.

Segundo declarou o sobriño neto do finado, Roberto Paz, pensan que o autor confeso pretende rebaixar condena coa súa versión.

"Igual que estamos convencidos de que non foi accidental. O feito de que queimase o seu coche tres horas despois de desaparecer Enrique, xa o di todo. Branco e en botella", afirmou á TVG.

A avogada quixo destacar o "labor brillante e superexhaustivo" das forzas de seguridade "nos últimos anos" e recoñeceu que a familia "está mal" pero asumiu a nova con "certa tranquilidade" e "con cautela".

Agora, precisou, trátase de "localizar a maior cantidade de ósos posible" e ver se "o labor da Garda Civil" permite determinar as circunstancias da morte do ancián.

"Estamos en terra de ninguén e temos que deixar que os investigadores fagan o seu labor", sostivo.

Paula Salvador asegurou que as partes "tiveron coñecemento" dos detalles relativos á investigación da Garda Civil "o luns por tarde", cando se lle notificou ao sospeitoso, xa que estaba baixo segredo de sumario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade