Un sismo de magnitude de 7,4 golpea o centro do Xapón e activa a alerta por tsunami
O epicentro do terremoto situouse a dez quilómetros de profunidade no océano Pacífico
Un terremoto de magnitude 7,4 golpeou este luns o centro do Xapón, cunha profundidade de 10 quilómetros e levou ás autoridades nipoas a activar a alerta por tsunami, segundo informou a Axencia Meteorolóxica do Xapón (JMA).
O sismo rexistrouse ás 16:53 a uns 100 quilómetros do porto de Kuji, na costa de Sanriku, que se atopa no norte do Xapón. A JMA emitiu alertas de tsunami para as zonas costeiras desde Hokkaido ata a prefectura de Fukushima, con ondas que poderían chegar a ser de tres metros.
O porto de Kuji rexistrou as ondas máis grandes do tsunami con 80 centímetros de altura, mentres que polo momento non se rexistraron vítimas. A primeira ministra, Sanae Takaichi, informou en declaracións á prensa que o seu gabinete está "a confirmar o alcance dos danos humanos e materiais".
Mentres tanto, as autoridades nipoas solicitaron á poboación que se atopa nas zonas afectadas pola alerta de tsunami que evacúen a lugares seguros.
A previsión é que nos próximos días se produzan terremotos dunha escala similar na mesma zona, como ocorreu en ocasións anteriores, segundo explicou nunha conferencia de prensa o director da División de Observación de Terremotos e Tsunamis da JMA, Shinji Kiyomoto.
O Goberno nipón formou un equipo de emerxencias para traballar conxuntamente co fin de brindar "todo o apoio necesario", afirmou na rede social X a oficina da primeira ministra, Sanae Takaichi.
Os operadores nucleares non detectaron anomalías nin niveis inusuais de radioactividade ao redor das centrais nucleares, segundo recolleu a cadea de televisión NHK.
Neste sentido, a compañía TEPCO indicou que "non se confirmou ningún impacto" nas instalacións nin na infraestrutura das súas plantas nucleares, pero confirmou que ordenara a evacuación dos traballadores en Fukushima Daiichi e Fukushima Daini.
Debido aos cortes de electricidade e á activación do sistema de prevención, o servizo de trens, incluído o tren bala, suspendeuse en varios puntos do país, como o traxecto entre Tokio e Shizuoka.
A principios de decembro de 2025, un terremoto de 7,5 fronte ás costas da prefectura de Aomori deixou máis dunha trintena de feridos e provocou ondas de ata 710 centímetros, pero non se reportaron danos maiores.
O Xapón aséntase sobre o chamado Anel de Lume, unha das zonas sísmicas máis activas do mundo, e sofre terremotos con relativa frecuencia, polo que as súas infraestruturas están especialmente deseñadas para aguantar os tremores.