Un tremor no centro do Perú deixa cinco persoas mortas e 32 feridos
O sismo, de 5,1 graos na escala Richter, tivo unha réplica de 3,7
Hai unha trintena de persoas feridas e danos en varias estruturas
Corpos das vítimas do tremor. REUTERS/Yershon Vilca
Os datos oficiais do terremoto de magnitude 5,1 rexistrado o sábado na rexión peruana de Junín informan de cinco persoas mortas, 32 feridas e 350 damificadas, segundo comunicou o Instituto Nacional de Defensa Civil (INDECI).
Segundo informou o organismo, todas as vítimas mortais se produciron no distrito de Chongos Bajo, na provincia de Chupaca. Trátase de tres homes e dúas mulleres, entre eles dous adultos maiores e un menor de 17 anos.
O INDECI detallou ademais que o terremoto destruíu 52 vivendas, deixou outras 27 inhabitables e provocou danos en 37 máis. Tamén quedaron afectados centros educativos, establecementos sanitarios, un templo relixioso, unha infraestructura considerada patrimonio visual, varios treitos da estrada e parte da rede de abastecemento de auga.
O primeiro tremor rexistrouse ás 21:25 hora locais do sábado, con epicentro situado a sete quilómetros ao sur do distrito de Chongos Bajo, na rexión de Junín, e a unha profundiade de 24 quilómeros. Uns minutos despois produciuse unha réplica de magnitude 3,7 a catorce quilómetros ao sur da mesma localidade e a 16 quilómetros de profundidade.
A presidenta do Perú, Dina Boluarte, asegurou que o Goberno actuou con rapidez para atender a emerxencia e informou do desprazamento a Junín do ministro de Defensa Walter Astudillo e do titular da carteira do Desenvolvemento e Inclusión Social Julio Demartini para coordinaren a resposta e a distribución de axuda.
A presidenta electa, Keiko Fujimori, expresou as súas condolencias ás familias das vítimas e pediu que se manteñan os esforzos para atener as persoas afetadas e garantir a súa protección.
Unha igrexa en Chongos Bajo tras o tremor. REUTERS/Yershon Vilca