Publicador de contidos

Publicador de contidos

Cine e embarcacións tradicionais de pesca danse a man en Marín

Cine e embarcacións tradicionais de pesca danse a man en Marín

As actividades paralelas do festival Cine do Mar incluiron un encontro de embarcacións tradicionais no porto de Marín

G24.gal 29/06/2025 15:21

Rematou a segunda edición do festival Cine do Mar en Marín, onde se proxectaron dez películas candidatas aos premios do xurado e público, todas co mar como fío condutor. A vila do Morrazo implícase neste certame cinematográfico propoñendo actividades paralelas, como a xuntanza mariñeira. 

Fóra do concurso este festival do Mar concedeu o premio honorario á cineasta Margarita Ledo e proxectou ao aire libre a película O Corno, de Jaione Camborda, unha concha de ouro do festival de San Sebastián ambientada na Illa de Arousa e na raia con Portugal. 

Os marinenses teñen a oportunidade de achegarse ao cine independente, e de volta, propoñen outras actividades paralelas para acompañar o festival. Este ano a novidade foi un encontro de embarcacións tradicionais que tivo lugar no antigo peirao deste porto de Marín e que organizou a asociación Grupo Cultural Ronsel. Filmes, mar e cidadanía nun evento de verán. 

Nas inmediacións do Porto de Marín e a Escola Naval Militar, co fondo da Illa de Tambo e das vilas mariñeiras do Salnés saíron ao mar unha ducia de embarcacións tradicionais. Hoxe para apoiar a industria cultural do cine como actividade paralela ao Festival do Mar de Marín, que foi quen os convocou.

"A cultura non só é os festivais importantes como o de Cannes. Para nós como pobo mariñeiro é importante non esquecer de onde vimos, e como se movía a xente no mar antes destos barcos modernos", conta a TVG Xosé María Vilaboa, o Secretario da Asociación "Museo do Mar"

"Temos que aprender de todo. Igual que nos aprendemos dos cineastas, ou dos profesores, ou dos músicos tamén eles teñen que aprender desta cultura tradicional que realmente é o que tratamos de ensinar para poder preservala, que creo que é moi importante", anota Pepe Vilas, o vicepresidente do Grupo Cultural Ronsel encargado da Xuntanza de Embarcacións Tradicionais. 

Un choupán de dúas proas, unha buceta, dornas de tope, unha galerna, unha gamela de dúas popas, un polbeiro. Xúntanse ás veces para encher o mar do pasado, do que fomos como país pescador.

"Non só relegalas a unhas vitrinas senón devolvelas ao seu contexto orixinal, e neste caso é que poidan navegar. E aí é cando un aprecia o que realmente é unha embarcación tradicional, cando navega. E daste de conta que iso non é máis que unha parte do que debían saber a xente de antes. Algo que inevitablemente se perdeu", explica Antón Pais, investigador de embarcacións tradicionais.

Antón Pais foi discípulo de Stephan Morling, un sueco que era profesor de inglés na Escola Naval Militar de Marín nos anos 60 e que escribiu o  primiero libro sobre as embarcacións tradicionais de Galicia, precisamente aquí, onde hoxe navegan os botes da Xuntanza Mariñeira. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade