Arde unha embarcación de recreo fronte á praia da Carabuxeira, en Sanxenxo
O lume orixinouse a escasos 120 metros da praia da Carabuxeira e foi visible desde varios puntos da ría
O único tripulante logrou poñerse a salvo sen necesidade de asistencia sanitaria

Unha embarcación de recreo, de aproximadamente cinco metros de eslora, sufriu un incendio en Sanxenxo tras botar combustible no porto.
Segundo fontes municipais, o seu único ocupante saltou á auga despois de escoitar dúas pequenas explosións, tras as que empezou a arder o barco. O home foi rescatado, ileso, por unha moto acuática.
A embarcación saía do porto tras botar combustible na gasolineira. Nun primeiro momento, interveu persoal de Nauta Sanxenxo e do Real Club Náutico, Salvamento, así como Emerxencias, Garda Civil e Policía local.
O lume orixinouse a escasos 120 metros da praia da Carabuxeira e foi visible desde varios puntos da ría.
As mesmas fontes precisan que non hai risco de vertedura porque a embarcación non se chegou a afundir, aínda que se despregaron medidas anticontaminación para absorber os produtos usados na extinción do lume. O barco foi remolcado a porto e estableceuse un perímetro de seguridade.