O fume dun incendio da Zapateira, na Coruña, alarma os veciños da urbanización
Os veciños, con varios extintores da comunidade, foron os primeiros en intentar sufocar o lume ata a chegada dos equipos de emerxencias
Unha intensa fumareda alertaba na tardiña deste mércores os veciños dunha urbanización da Zapateira, na Coruña. Rapidamente fixéronse con extintores da comunidade e, como puideron, intentaron sufocar o lume.
Orixinouse na terceira planta da vivenda, onde só hai un cuarto. Ninguén estaba dentro, por iso aínda descoñecen o que puido pasar e por que se orixinou o lume.
Nese momento atopábanse na casa dous mozos maiores de idade e súa nai. Nun primeiro momento foron eles os que se enfrontaron ás lapas. Pero coa chegada dos equipos de emerxencias, un amplo dispositivo formado por bombeiros, policía e ambulancia, conseguiron sufocar o lume axiña.
Os dous mozos foron trasladados ao hospital por inhalación de fume, mentres que a nai non precisou asistencia médica. Todos están ben.
Hoxe, aínda co susto no corpo e con evidentes signos do incendio na fachada do inmoble, contaban fóra de cámara que o cuarto onde se orixinou o lume e pasou á terraza está completamente destruído e que non se explican que foi o que puido acontecer.