Un incendio nun alboio de Moraña queima toda a leña do inverno
As lapas arrasaron os 7.000 quilos de madeira que había no pendello
Un incendio no alboio dunha casa do lugar de Suigrexa, en Moraña, deulles un bo susto aos donos da propiedade e aos veciños da aldea. O fume e as lapas eran tan espectaculares que se vían desde varios puntos do lugar. Foi pouco antes da medianoite do luns ao martes, e foi grazas ao traballo dos propietarios da vivenda, de veciños e dun amplo dispositivo de emerxencias, que hoxe o poden contar sen lamentar danos persoais e ante poucos danos materias.
Sergio Abal, neto da dona da casa, conta que foi a súa curmá que estaba vendo a televisión cando, de súpeto, a casa quedou sen luz e viu o reflexo do lume na ventá.
Enrique Búa, membro de Protección Civil de Moraña di que "cando chegaron os donos da casa xa estaban traballando para apagar o lume e eles axudaron a arrefriar a zona ata que chegaron os bombeiros".
A intervención durou aproximadamente dúas horas, momento en que conseguiron arrefriar a zona. Foi un traballo exhausto porque a madeira, uns 7.000 quilos de leña, tiña moita carga térmica.
Son sabedores da sorte que tiveron, o lume non chegou a este palleiro que estaba literamente ao lado da leña, tampouco se estendeu ao baixo da casa onde está a caldeira, puideron tamén sacar o cabalo san e salvo.
Sen coñecer aínda a orixe do lume, todo quedou nun susto que tardarán en esquecer e que unicamente os obrigará a cambiar o pendello e a limpar unha parede.