Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido un mozo de 19 anos por queimar varios coches en Ribadeo

Detido un mozo de 19 anos por queimar varios coches en Ribadeo

Un dos vehículos, aparcado xunto ao porto náutico, quedou totalmente calcinado, mentres que outros sufriron danos

O turismo que quedou completamente calcinado gardaba as pertenzas dunha familia
Félix Aragunde 24/09/2025 13:57

Totalmente calcinado. Así foi como quedou un coche que estaba estacionado onda o porto de Porcillán, en Ribadeo. O turismo pertencía a unha familia con menores que se aloxaba no hotel da Antiga Aduana, dende onde alertaron os servizos de emerxencias. Daquela acudiron os bombeiros de Barreiros, que evitaron que as lapas se propagasen a outros dous vehículos.

"Baixamos, por se se podía axudar en algo, ver se o afectado se aloxaba ou non no hotel e intentar avisar os hóspedes, xa que adoitan aparcar nesa mesma zona, para avisalos de que o movesen e non houbese máis xente que se atopase ao día seguinte cunha sorpresa desagradable", relata Eva Barreiro, directora do hotel. 

Minutos despois, na mesma noite, o presunto incendiario, de 19 anos, prendeulle lume a outro coche a escasos metros, na rúa Amando Pérez. Pero os axentes da Garda Civil collérono na allada cando trataba de roubar no seu interior.

"Houbo outro incendio aquí preto. Cremos que primeiro se declarou este e que logo a mesma persoa foi a que lle prendeu lume ao outro vehículo", engade a responsable do hotel. 

En total, ao suposto autor dos feitos impútanlle seis delitos de danos por incendio, tres de furto e outro máis por danos nun escaparate. Prevese que o mozo detido, que xa tiña antecedentes, pase en breve a disposición da xustiza en Mondoñedo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade