Rebentan a marteladas a cristaleira dun negocio de Santiago valorada en 10.000 euros
Os vándalos foron gravados polas cámaras de seguridade
A Policía Nacional abriu unha investigación para dar cos autores dos danos
Ocorreu na madrugada do luns, contra as dúas da mañá. As cámaras de seguridade do establecemento, situado no barrio compostelán de Santa Marta, captaron como dous individuos coa cara cuberta golpearon a cristaleira ata en 13 ocasións cuns martelos deixándoo completamente rebentado.
Os propietarios do negocio, unha escola de artes, din que non se trata dun feito illado e xa falan de acoso; din que hai uns meses apareceron pintadas ameazantes nas inmediacións do colexio das súas fillas e do seu negocio.
As vítimas xa denunciaron os feitos ante a Policía Nacional, que abriu unha investigación para intentar dar cos autores dos estragos, valorados en preto de dez mil euros.
As primeiras hipóteses apuntan a que os vándalos poden estar relacionados co ámbito laboral.