Un home de 48 anos estraga o cruceiro do Hío ao pendurarse del
O autor é un veciño de Vigo de 48 anos que recoñeceu os feitos
Ao pendurarse, provocou unha caída dunha figura, que rematou esnaquizada
O cruceiro do Hío, en Cangas, quedou estragado logo de que un vándalo se pendurase del, provocando a caída dunha das figuras, que rematou esnaquizada. O home xa foi identificado.
Este cruceiro do Hío é unha obra feita polo mestre Cerviño no século XIX, polo que é considerado un dos máis importantes de Galicia. O feito tivo varias testemuñas que aseguraban que o home ía acompañado duns rapaces que entraron no recinto e comezaron a animar o home.
"É unha mágoa que unha obra única a estraguen como o fixeron", declarou un veciño.
Varias das testemuñas atopábanse nun bar próximo á igrexa. Dende alí, contaron que a policía contaba con imaxes do suceso, o establecemento contaba con cámaras.
Un dos que se atopaba alí, asegurou que viron o vándalo dentro do recinto e que ao baixar fuxiu nun coche por unha rúa en dirección prohibida.
Segundo os datos que achegaron as testemuñas, tratábase de tres persoas que ían bébedas e marcharon a toda présa, chegando a bater o seu coche nunha casa.
"Supostamente din que si, que son os mesmos, que saíron de aquí e bateron cunha casa que hai na esquina, en plena curva. Logo deron volta e marcharon", aclarou.
A policía xa localizou o condutor, un veciño de Vigo de 48 anos, acompañado dunha muller de 56. Este recoñeceu os feitos e agora enfronta un posible delito de danos contra o patrimonio cultural.