Danan carrocerías e cristais dunha vintena de coches na Coruña
A Policía Nacional investiga os actos vandálicos acontecidos de madrugada nas proximidades da Domus
Gael é un coñecido xogador do equipo de balonmán da Coruña. Estaba adestrándose cando a policía lle comunicou que o seu coche tiña importantes danos tras un acto vandálico. "Cando cheguei non o podía crer. Toda a fila de coches estragados. E o meu era o peor".
Como o de Gael son máis dunha ducia de vehículos que sufriron rotura de cristais e danos no interior do coche. Todos eles pasaron a noite estacionados diante da Domus. "Deixeino aparcado na Casa do Peixes e cambieino porque aquí parecíame que quedaba máis seguro", explica unha afectada.
O autor ou autores do suceso bateron contra os vehículos con tanta forza que mesmo deixaron pegadas de sangue nalgún deles.
"Creo que foi por facer mal porque non levaron nada", di outro afectado.
Non foi o único suceso que alterou a mañá na cidade da Coruña. A rotura dunha tubaxe obrigou a cortar ao tráfico parte da avenida Salvador de Madariaga. Din os veciños que neste punto do barrio do Elviña corre soterrada a canle do río Monelos. "De feito a isto chámanlle As Brañas", asegura un veciño.
Os operarios traballaron arreo para repoñer a circulación neste punto de conexión entre barrios da cidade.