Un grupo de arrombacoches de Pontevedra ten atemorizados os veciños e comerciantes
Din que as pelexas, os roubos e as amezas de morte son constantes
Os veciños piden máis presenza policial no barrio de Campolongo
A presenza de arrombacoches nas inmediacións da praza de Galicia de Pontevedra trae de cabeza veciños e comerciantes. Din que nesta zona as pelexas son constantes. A última tivo lugar a tarde do martes na rúa Augusto González Besada.
Segundo nos contan, foi tan violenta que moitos veciños alertaron o 112. Ata o lugar desprazáronse cinco patrullas da policía entre nacionais e locais pero en canto chegaron os arrombacoches ilegais dispersáronse. Así e todo a Policía Nacional procedeu a identifica varias persoas pero ninguén quixo presentar denuncia. Polo que nos contan tampouco houbo persoas feridas.
Os veciños están fartos; din que conviven diariamente con roubos, danos en vehículos e mobiliario, actitudes violentas e incluso ameazas de morte. A situación chegou a un punto tal que houbo quen tivo que pedir orde de afastamento. Os que viven e traballan neste barrio reclaman máis presenza policial na zona para intentar acabar con esta escalada de violencia antes de que aconteza unha desgraza.