Martínez Allegue: "Canto máis tempo pase, máis caro será o rescate da AP-9"
A conselleira esixe o acceso ao expediente que tramita a CE sobre as prórrogas da AP-9 e acusa o Goberno de "discriminar Galicia"
Os galegos seguirán pagando as peaxes na AP-9
Allegue asegura que os propietarios de nove vivendas calcinadas polos incendios teñen xa ingresadas nas súas contas as axudas concedidas pola Xunta
A conselleira de Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, esixe que a Xunta poida ter acceso ao expediente aberto pola Comisión Europea (CE) contra España por prorrogar a concesión da autoestrada AP-9 sen un concurso público, que o Executivo comunitario non ve axustada a dereito.
Allegue reclama a entrega "de inmediato" desta documentación para analizar a xestión do Executivo central. Está disposta a acudir á vía xudicial para conseguilo. Cre que "a única opción factible" para o futuro desta infraestrutura pasa polo seu rescate e a liberación das peaxes e engade que está en contacto cos gobernos de Asturias e Castela e León para "coordinar" medidas co fin de liberar as peaxes nas autoestradas AP-9 e AP-66.
"Canto máis tempo pase, máis caro sairá o rescate e mais lle custará ao peto dos galegos", asegurou a conselleira nunha entrevista no Bos días María Martínez Allegue, lamenta que souberan "a través dos medios de comunicación" desta noticia e critica a falta de interlocución co ministerio de Transportes.
"Tentamos contactar co ministro Óscar Puente ata en cinco ocasións para darlle a coñecer a posición da Xunta e do Parlamento galego, pero nunca obtivemos resposta", explica.
A conselleira acusa o Goberno de "discriminar Galicia" ao non incluír a AP-9 entre as autoestradas con peaxe que serán liberalizadas. "Non o entendemos -afirma-. O tráfico que hoxe discorre por vías convencionais desprazaríase a esa autoestrada, habería menor contaminación e melloraría o valor económico das propiedades. Pero non temos resposta. O Goberno está a discriminar Galicia".
A ampliación da autovía do Salnés será aprobada este ano
Na entrevista, Martínez Allegue referiuse ao proxecto de ampliación da autovía do Salnés no que está traballando a Xunta. Asegura que xa se fixo o contacto preceptivo con Patrimonio ao discorrer por unha área incluída na Rede Natura e "xa temos a empresa". A previsión do Goberno galego é que o proxecto sexa aprobado este ano 2025 en Consello da Xunta.
A Xunta pagou xa as axudas aos propietarios de nove vivendas calcinadas polos incendios
No Bos días, a conselleira indicou que 90 damnificados polos incendios deste verán solicitaron xa as axudas aprobadas pola Xunta. Deles, unha ducia correspóndense con propietarios de vivendas habituais ou ocasional en estado de ruína por mor das lapas.
"Xa concedemos nove axudas -afirma Martínez Allegue-. "Nove afectados xa teñen transferidos os 148.200 euros nas súas contas para tentar volver á normalidade o antes posible".
A conselleira destaca que a resposta "está sendo moi boa por parte dos veciños a pesar da tráxica situación" que están vivindo. Avanza que a Xunta sufraga o cen por cento do alugueiro a aqueles que perdesen a súa vivenda "mentres non adquiran outra" e lembra que o Goberno galego ten abertas 16 oficinas por toda Galicia para axudar os damnificados a tramitar estas axudas.
"É moi sinxelo pedilas", afirma, o obxectivo é "tentar volver á normalidade o antes posible".
Na entrevista, a conselleira indicou que o 73 % das vivendas de promoción pública promovidas pola Xunta xa están en marcha.
"O obxectivo é chegar ás catro mil de aquí a 2028. Levamos xa tres mil en diferentes fases e 800 delas xa está avanzada a súa construción".
Allegue conta que o ano que vén moitas estarán finalizadas e entregadas aos propietarios.