A Xunta aprobará antes de fin de ano a OPE de 2025, con 700 prazas de acceso libre e 300 de promoción interna
A Xunta aprobará antes de fin de ano a OPE de 2025, con 700 prazas de acceso libre e 300 de promoción interna
Anunciouno no Parlamento o conselleiro de Facenda, durante a presentación dos presupostos, os "máis sociais" da historia de Galicia
O Parlamento rexeitou ás emendas á totalidade presentadas polos grupos da oposición, polo que os orzamentos continúan a súa tramitación
O Parlamento de Galicia, coa maioría absoluta do PPdeG, tombou as emendas á totalidade que todos os grupos da oposición -BNG, PSdeG e DO- presentaron ao proxecto de lei de orzamentos da Xunta para 2026, polo que as contas continúan a súa tramitación parlamentaria.
Deste xeito, as emendas á totalidade foron tombadas polo partido maioritario, que defendeu o proxecto orzamentario para o próximo ano, que ascende a unha cifra récord de 14.240 millóns de euros, un 2 % máis que o exercicio anterior.
Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reiterou que o proxecto de contas públicas para o próximo ano obedece a unha previsión "prudente" de crecemento do 1,9 %.
Ademais, anunciou a convocatoria de máis de 700 prazas de acceso libre para a administración xeral e doutras 300 de promoción interna.
Na súa intervención, Corgos sinalou que "con este compromiso continuaremos reforzando ao longo da lexislatura os servizos públicos de forma planificada, tendo en conta que nos próximos cinco anos haberá que afrontar un recambio de 5.000 efectivos".
Corgos falou dunhas contas cun marcado gasto social, que se achega aos 10.600 millóns de euros. Segundo o conselleiro, "nunca se dedicaron tantos recursos á sanidade pública, á educación e ás políticas sociais".
O titular de Facenda asegura que as contas públicas elaboradas polo Goberno galego apostan polo crecemento "sostible", pola redución do paro, pola creación de emprego de calidade e polo reforzo do gasto social, ademais das rebaixas fiscais.
Defende Corgos o "modelo fiscal propio, responsable e competitivo" de Galicia, con rebaixas "selectivas" de impostos para rendas medias e baixas e sostén que "dunha ou outra maneira" todas as rendas acaban beneficiándose destas rebaixas.
O BNG insta a refacer as contas: "Saber gobernar é rectificar"
A portavoz de Economía do BNG, Noa Presas, cargou este luns contra os orzamentos elaborados pola Xunta para 2026 e pediu a súa devolución porque “saber gobernar é rectificar”.
Subliñou que estas contas elaboradas polo Goberno galego non son adecuadas para a Comunidade porque “Galicia e os galegos merecen máis” e denunciou que o proxecto orzamentario evidencia un modelo “estancado” no que os recursos para os galegos non crecen nin tan sequera ao nivel que o fan os prezos.
"Poden facer as piruetas discursivas que queiran, pero o orzamento é decrecente", sinalou.
Besteiro insta a Xunta a aclarar "para quen goberna" e pídelle ao Goberno que elabore novos orzamentos
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, instou aos membros do Goberno da Xunta de Galicia a aclarar "para quen gobernan" coas súas políticas e a refacer o proxecto de orzamentos de 2026 para introducir nel principios de "xustiza social".
Sentencia que "o único que se expande ano tras ano é a propaganda institucional"e ofreceuse a apoiar o proxecto de orzamentos se o Goberno galego e o PP acceden a introducir nos mesmos un total de cinco emendas: aceptar quítaa da débeda das comunidades, incrementar en 225 millóns de euros a partida para vivenda, aumentar en cen millóns o financiamento da dependencia, asegurar a contratación de catrocentos profesionais para atención primaria e, por último, destinar douscentos millóns para "un territorio máis cohesionado e máis vivo".
"Vivimos nun país cuxa maior pena son os seus dirixentes", afirmou o secretario xeral dos socialistas galegos, que concluíu a súa intervención volvendo preguntarlle aos mandos da Xunta "para quen queren gobernar".
Democracia Ourensana pide cambiar os orzamentos feitos “para un lado e outro da AP-9”
O deputado do Grupo Mixto e representante de Democracia Ourensana Armando Ojea pediu este luns a devolución do proxecto de orzamentos para que sexa máis igualitario entre as catro provincias xa que as contas para 2026 están pensadas unicamente “para un lado e outro da AP-9”.
Na súa quenda de intervención no pleno de debate de totalidade dos orzamentos, reiterou a súa denuncia respecto a “discriminación” que padece a provincia de Ourense respecto a as atlánticas.
Isto débese a que o Goberno da Xunta “ten un modelo de Galicia que está totalmente escorado ás provincias de Pontevedra e A Coruña”.
Lamentou os privilexios que o Executivo outorga, sobre todo á provincia da Coruña”, ironizou coas prioridades do Goberno galego como a consecución das competencias do litoral debido a que “Alfonso Rueda estará namorado do mar” porque é de Pontevedra e sinalou que, se a súa formación chegase a “gobernar”, ou a “influír máis” no Goberno galego, apostaría por un “modelo máis simple e novo” que se basee en “outorgar ás catro provincias de Galicia en mesmo peso específico".
Na súa intervención o conselleiro de Facenda escusou a súa ausencia este luns na reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) que prevé tratar a senda de estabilidade para o próximo ano, paso previo a unha hipotética presentación dos orzamentos.
Considera Corgos que a súa presenza no Parlamento galego era máis necesaria nesta xornada.
O PP rexeita as emendas da oposición e acúsaa de querer "derrubar o construído"
O portavoz parlamentario do PPdeG, Alberto Pazos, manifestou este luns o rexeitamento do seu partido ás emendas á totalidade do orzamento dos grupos da oposición, aos que acusou de "aspirar a derrubar o construído" desde o Goberno galego.
Durante o debate parlamentario para a tramitación das contas autonómicas para 2026, Pazos considerou que BNG e PSdeG tratan de "entorpecer" a acción de goberno da Xunta amparándose nunha "lista interminable de noticias falsas".
Cualificou así as críticas dos partidos da oposición en materia de sanidade, política social, emprego ou educación; asuntos nos que avalou as políticas postas en marcha desde o Executivo autonómico, ao que lle agradeceu a súa capacidade para presentar cada ano os orzamentos en tempo e forma.